O verán en Galicia foi medio grao máis cálido do habitual e cun nivel normal de chuvia
Se algo caracterizou este verán é a drástica diferenza no tempo entre os meses de xullo e agosto. O verán arrincou cun xuño frío, seguido dun xullo extremadamente cálido e un agosto morno e chuvioso.
Así que no balance da estación feito por Meteogalicia desde xuño ata setembro fan media e a conclusión é que este verán foi cálido na temperatura e normal canto ás precipitacións. O informe tamén destaca como os meses de xuño e agosto compensaron as temperaturas extremas de xullo.
A temperatura media rozou os 20 graos, medio grao máis do habitual. Onde máis se notou a calor foi en Vigo, Verín e O Carballiño. Onde menos, en Muros e Fisterra.
Canto ás chuvias, onde máis auga se acumulou foi no Xallas, nos Ancares e en Bergondo, e onde menos na Limia e Verín.
Dependendo de cando tiveran as vacacións, a imaxe deste verán pode ser ben distinta. Dun xullo seco e abafante a un agosto frío e húmido.
Setembro, pola súa banda, arrincou solleiro e caloroso e seguirá así na fin de semana, pero xa nos adiantan que a cousa cambia a partir do luns.