CRTVG

Buscar

O vento tira unha casa en ruínas na Ponte Nafonso

Publicado o 04/03/2019 13:59
O vento tira unha casa en ruínas na Ponte Nafonso

A fronte desta casa da Ponte Nafonso, no concello de Outes, xa levaba valada varios días. Despois dun primeiro derrubamento, o dono do terreo lindeiro avisara do perigo de que o inmoble acabase caendo debido ao seu estado de abandono. Onte pola tarde, un refacho de vento houbo de provocar unha traxedia.

"Co temporal que había estabamos pendentes. Ía darlles de comer aos cans pero decidín esperar e daquela sentimos un estrondo grande. Afortunadamente non nos colleron os cascallos".

Parte da parede lateral derrubouse sobre a horta de Basilio, onde aínda se poden ver os cascallos. En concreto, caeron na zona da caseta dos cans. Por sorte, tampouco lles pasou nada aos animais.

"Agora respiramos pero o susto foi moi grande. Quéreslles aos teus animais. Tamén nos podía coller ao meu fillo ou a min. Podiamos quedar no sitio e ser unha traxedia moi grande".

Persoal de Protección Civil acudiu ao lugar despois do derrubamento e, entre todos, retiraron outros elementos da construción, como a cheminea, que quedaran inestables. Agora o propietario deberá sanear o que queda do edificio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/03/2019