CRTVG

Buscar

O vento e a chuvia non dan tregua: chega o temporal Hortensia na versión 2021

Publicado o 21/01/2021 16:54

O vento e a chuvia non dan tregua. Deixamos atrás a borrasca Gaetan e esta noite entra un temporal novo, pero cun nome que se lles vai facer coñecido: chámanlle Hortensia.

Na costa norte de Galicia a chuvia deu unha tregua esta mañá que nos permitiu deixar o paraugas, pero o que non nos abandona é a forza do vento con rachas que chegaron aos 130 quilómetros hora na zona da Mariña luguesa. Á forza do vento súmase agora un empeoramento do estado do mar cunha situación de mar combinado que deixa en aviso laranxa toda a costa.

Na Costa da Morte a chuvia e o vento foron os protagonistas, pero agora mesmo temos un pequeno respiro. Pero isto vai ser por pouco tempo, porque a partir desta tarde chega Hortensia, unha forte borrasca que deixará moitos avisos en toda a comunidade nas útimas horas de hoxe e na xornada do venres. Iso si, aínda que se chama Hortensia, non é nada comparable á cicloxénese do ano 84. 

Os restos da borrasca que varreu Galicia durante a madrugada aínda se poden ver este xoves no mar. Todo o litoral segue en alerta laranxa, con ondas que nalgúns puntos acadan os 7 metros. Unhas condicións que obrigan a frota a permanecer amarrada. 

O interior de Galicia tamén está a notar o temporal. Arestora está activado o aviso amarelo por vento nas catro provincias, pero as cousas empeorarán á última hora da tarde.

 

 

Noticias web

21/01/2021

Máis sobre actualidade