CRTVG

Buscar

Os minicines da Estrada reabirán con acomodador

Publicado o 19/06/2020 13:05

A Estrada é unha das poucas vilas en que quedan salas de cine. O seu xerente, Luís Rivadulla, prepara o local para a reapertura o próximo venres 26. É o primeiro interesado en que todo se faga coa máxima seguridade.

Aquí xa reduciran a acollida das salas para poñer unhas butacas máis cómodas. Agora aínda a teñen que limitar un pouco máis. E van recuperar a figura do acomodador. 

"Cremos que para o noso modelo de negocio vai ser mellor que nós sentemos a xente, evidentemente mantendo a distancia de seguridade, en función de se vén un grupo familiar, unha persoa soa, unha parella", dinos Luis. "Desa maneira, tanto na entrada como na saída ímolo organizar nós".

Nun negocio pequeno e familiar coma este ven complicado cadrar os números e sacalo adiante nestes momentos. Antes acumulaban ata catro funcións na mesma sala, algo imposible agora.

Para levantarlles un pouco a moral, unha veciña da Estrada, estudante de publicidade nos Estados Unidos, animou os seus compañeiros para deseñar un conxunto de carteis para estes minicines. 

"Temos 17 pósters dun nivel espectacular, son estudantes da escola máis premiada do mundo nese ámbito. Imos facer unha exposición na entrada do cine o día da reapertura. Estamos moi orgullosos e agradecidos a Catarina Barcala, que é a rapaza de aquí da Estrada. Estamos encantados", comenta Rivadulla.

En principio, a reapertura das salas será coas pelis que estaban en carteleira cando se pecharon os cines. As estreas, a partir de xullo, esperando que a xente teña moitas gañas de volver ao cine.

Noticias web

19/06/2020

Máis sobre A Estrada