CRTVG

Buscar

O Valencia gaña a súa oitava Copa do Rei diante do Barcelona en Sevilla (1-2)

Publicado o 26/05/2019 12:00

O Barça dixo adeus ao seu dominio na Copa do Rei. Tras catro títulos consecutivos, onte claudicou ante un Valencia que culminou unha moi boa temporada logo duns comezos con moitas dúbidas. Oitava Copa para os chés, que no primeiro tempo foron moi superiores a un Barça que parecía seguir en Anfield. Incapacidade creativa, nula presenza en ataque e despistes incomprensibles en defensa, como o que tivo Lenglet nada máis comezar que non se converteu en gol pola intervención providencial de Piqué logo do disparo de Rodrigo. Pero era só cuestión de tempo.

Os de Marcelino, máis motivados e coas ideas máis claras, lograron adiantarse no minuto 21. Bonita xogada entre Gabriel Paulista e Gayá, que culminou con acerto Gameiro. Cillessen só puido seguir coa mirada a traxectoria do balón. O gol facía xustiza. O equipo de Valverde, desbordado, non reaccionou. E no minuto 33, apañaba o segundo. Rodrigo aproveitou un centro de Carlos Soler para poñer a final de cara para os valencianistas.

O cero a dous era a consecuencia lóxica do que estaba a pasar. Só a rebeldía de Messi lles daba esperanzas aos culés. O crack arxentino, sen Luis Suárez como referencia arriba, intentou tirar do carro buscando unha reacción que quedou a medias no segundo tempo. Entre a insistencia de Messi, a entrada de Malcom e a lesión de Parejo, cambiou a decoración do partido. O pau evitou un golazo do bota de ouro pouco antes da acción do dous a un. Lenglet cabeceou un córner e Messi, máis atento que ninguén, dáballe emoción á final no minuto 73. Pero o acoso posterior foi inútil.

De feito, as ocasións claras na recta final foron para o Valencia. Guedes perdoou a sentenza por dúas veces. O seu equipo non botou de menos o seu acerto e fíxose co título. Messi, como en Anfield, segue a camiñar só. Valverde esperta dúbidas sobre o futuro. E Marcelino acaba eufórico unha temporada difícil.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí