CRTVG

Buscar

O uso do galego muda de tendencia e rexistra un lixeiro incremento

Publicado o 27/09/2019 13:44

• A última enquisa do IGE reflicte que os que falan só galego ou maioritariamente galego soben case un punto de 2013 a 2018

• Os peores datos da utilización da lingua propia danse nas cidades e entre a xente nova, aínda que aumenta no ámbito familiar

Román Rodríguez cre que os datos "reflicten un modelo de convivencia no uso das dúas linguas"

 

A poboación que fala sempre galego situouse en 2018 no 30,57 por cento, o que supón 0,63 puntos menos que hai cinco anos. Pola contra, a cidadanía que fala máis a lingua galega que o castelán aumentou 1,43 puntos con respecto a 2013, ata situarse no 21,72%.

Así o reflicte a enquisa 'Coñecemento e uso do galego' publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en que se indica que aumentou a porcentaxe dos que falan máis castelán que galego (22,26% en 2013 e 23,32% en 2018).

Así mesmo, algo máis do 24% dos residentes en Galicia fala sempre en castelán, o que supón 1,85 puntos porcentuais menos que en 2013.

Facendo a suma entre os que empregan o galego sempre e os que o empregan máis ca o castelán, nótase un lixeiro aumento dos galegofalantes, que pasan do 51,49 de 2013 ao 52,29 de 2018.

 

Coñecemento do idioma

En 2018 o 57,59 por cento dos galegos de cinco ou máis anos manifestou saber falar galego moito; o 30,46%, bastante; e o 11,95%, pouco ou nada. Entre a poboación menor de 15 anos, a porcentaxe que saben falar pouco ou nada a lingua galega sitúase no 23,9%, mentres que entre os de 65 ou máis anos redúcese ao 8,84%.

A enquisa do IGE reflicte que a familia se mantén como a principal vía de aprendizaxe do idioma galego. En concreto, o 83,36% admitiu aprendelo a falar neste ámbito, pero nos menores de 30 anos a escola supera a familia como medio de aprendizaxe. O 93,73 por cento das persoas neste grupo de idade -menos de 30 anos- aprendeu o galego na escola e o 69,99 por cento coa familia.

O uso do galego, segundo o IGE, "é desigual" dependendo da idade da poboación. Así, o 48,48% das persoas de 65 anos ou máis fala habitualmente só nesta lingua e un 24,91% utilízao máis que o castelán.

Mentres, entre os mozos de 5 a 14 anos, o 14,27% habitualmente sempre fala en galego, o 11,85% máis en galego que en castelán e o 73,88% restante usa sempre o castelán ou máis este que a lingua galega.

Pola súa banda, a lingua habitual de escrita segue sendo o castelán en Galicia, xa que a porcentaxe de persoas que habitualmente escriben en galego se reduce ao 16,64%.

Segundo na lingua que falan habitualmente, o IGE destaca que se observa que entre as persoas que falan sempre en galego, o 36,19% escribe habitualmente na mesma lingua e o 63,81%, en castelán.

Ámbito familiar

No ámbito familiar o 44,34% da poboación de Galicia con fillos fálalles en galego sempre; o 31,2%, sempre en castelán; o 13,85% máis en castelán que en galego; e o 9% máis en lingua galega.

En canto aos fillos, o IGE destaca que unha 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e un 37%, sempre en castelán.

 

Dentro do ámbito social, o IGE apunta que o uso exclusivo do galego "está máis estendido nas relacións entre amigos". Deste xeito, o 34,12% da poboación de Galicia habitualmente o fala sempre coas amizades.

Mentres, o 39,4% comunícase co profesorado dos seus fillos exclusivamente en castelán e o 34,07% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.

Ámbito laboral e educativo

No referido ao ámbito laboral, o 29,57% das persoas ocupadas de Galicia fala sempre en galego cos compañeiros de traballo e o 18,61% utiliza máis a lingua galega que castelá. A porcentaxe dos que falan sempre en galego ou máis neste idioma que castelán cos seus superiores sitúase no 42,79%.

No ámbito educativo a utilización de ambos os idiomas "é bastante parella", destaca o IGE. En concreto, o 59,57% das persoas que estudan en Galicia recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán.

Pero, segundo a idade e nivel educativo varía, xa que sobe a 72,72% entre os menores de cinco a 16 anos, pero baixa até o 36,03% entre a poboación de 17 ou máis anos, xa que este colectivo recibe o 46,48% das clases en castelán ou maioritariamente neste idioma.

Medios de comunicación

Así mesmo, segundo reflicte a enquisa, o 17,65 por cento da poboación galega de 16 ou máis anos ve a televisión sempre en galego ou máis nesta lingua que en castelán, aínda que un 26,6% sempre o fai no segundo idioma.

Á hora de escoitar a radio, o 14,26% faino sempre ou maioritariamente en galego. Pero o uso do galego está menos estendido noutros medios xa que o 59,1% dos residentes na comunidade de 16 ou máis anos sempre le a prensa en castelán, o 54,03% só le libros en castelán, o 69,47% navega pola rede sempre neste idioma e o 52,07% o emprega sempre en redes sociais.

Fogares

O IGE pon de manifesto, así mesmo, que en 2018 no 22,7% dos fogares galegos todos os seus membros de cinco ou máis anos falaban habitualmente só en galego, porcentaxe que aumentou 0,49 puntos respecto de 2013.

Polo seu lado, a porcentaxe de fogares nos que todos os seus membros de cinco ou máis anos falan habitualmente soamente galego é maior que nos municipios pequenos que nos grandes.

Deste xeito, nos concellos con menos de 10.000 habitantes esta porcentaxe ascenda ao 45,7%, mentres que nos municipios de máis de 50.000 residentes baixa ao 5,66%.

Áreas xeográficas

As áreas da Coruña suroriental e da Costa da Morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis en galego que castelán, cun 93,14% e un 92,4%.

No outro extremo sitúase a área de Vigo, co 25,5%; a zona da Coruña, co 33,55%; e a de Ferrol-Eume-Ortegal, co 33,75%.

O concello, de entre os sete de maior tamaño de Galicia, onde unha maior porcentaxe de poboación fala habitualmente en galego ou máis nesta lingua que en castelán é Lugo (44,7% dos cidadáns de cinco ou máis anos), e no que menos se emprega é Vigo (15,21%).

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí