CRTVG

Buscar

O único positivo por coronavirus en España, un alemán que se contaxiou no seu país, está ben

Publicado o 01/02/2020 15:31

• Sanidade activa o protocolo de posibles contactos na illa

• Esta semana convocan o consello interterritorial de saúde

A cifra de falecidos elévase a 259, todos na China


• O alemán de visita na Gomera que onte á noite se soubo que deu positivo ao coronavirus de Wuhan encóntrase ben e permanece illado no hospital.
As autoridades sanitarias din que mentres a súa evolución sexa favorable non hai indicación de trasladalo a outro centro fóra da illa.
O paciente forma parte dun grupo de seis turistas alemáns en corentena desde o mércores, logo de saberse que dous deles estiveran en contacto directo en Alemaña cun compatriota contaxiado no país por unha cidadá chinesa que estivo uns días en Alemaña por traballo.
As autoridades canarias investigan os contactos que o grupo puido ter na illa e no avión por se fose necesario estender as medidas preventivas a máis persoas.

"Persoas que estiveron co afectado durante días non desenvolveron o coronavirus e estiveron días convivindo con el, co que as persoas que puideron ter contacto leve con el, as posibilidades son obviamente menores".

"Sempre dixemos que non se podía descartar que aparecese un caso en España. Nestes momentos, incluíndo o caso español, hai 20 persoas afectadas en sete países europeos e quero seguir trasladando unha mensaxe de confianza no noso Sistema Nacional de Saúde".

A confirmación deste primeiro positivo en España coincidiu coa chegada a Madrid dos españois repatriados de Wuhan, que están agora en corentena no hospital Gómez Ulla.
Son 19 nacionais, un polaco residente en España e unha cidadá chinesa embarazada, casada cun español.
Ningún presenta síntomas da enfermidade pero van ser sometidos a controis médicos diarios durante catorce días, nunha planta habilitada no centro hospitalario só para eles.

"Están todos ben. Acabamos de falar coa responsable da planta de corentena do Gómez Ulla; díxonos que non houbo ningunha incidencia. Están establecendo o mecanismo para as visitas familiares".

O ministro de Sanidade, que presidiu unha nova reunión do comité de seguimento do coronavirus, anunciou que vai chamar os conselleiros de Sanidade das comunidades autónomas para convocar unha xuntanza extraordinaria do Consello Interterritorarial de Saúde co obxectivo de reforzar a cooperación.

Noticias web

01/02/2020