CRTVG

Buscar

O único cemiterio de Galicia con todas as lápidas en galego

Publicado o 21/07/2020 20:58

Entre unha fermosa paisaxe atopamos a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela, e canda ela o seu singular cemiterio. É o único de Galicia con todas as lápidas gravadas en galego. A iniciativa partiu dos arquitectos que proxectaron a reforma.

"Quitaron os panteóns que había e fixeron un cemiterio novo, e entón foi cando trataron de poñer todas as lápidas en galego. Falaron cos veciños e chegaron a un acordo cos propietarios e así foi", sinala José Veiga, cura de San Facundo de Ribas de Miño.

A idea de inscribir todas as lápidas en galego foi aceptada con agrado polos veciños. Din que aquí todos falan en galego e tamén queren ser despedidos na súa lingua nai.

"Se os nosos antepasados falaban galego é normal que o poñamos así, o que pasa é que esto vese pouco", "eu creo que en Galicia a maioría da xente, ou polo menos nos lugares pequenos, falamos todos galego", "están todas en galego e estarán porque así deben estar, creo eu", din os veciños da zona.

Este camposanto foi recoñecido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, un colectivo que trata de galeguizar a fin da vida e que subliña que só unha de cada mil lápidas da nosa comunidade está escrita en lingua galega.

Noticias web

21/07/2020