O último accidente na recta da Tablilla, en Cerceda, volve poñer de manifesto a perigosidade deste treito
Son imaxes do último sinistro mortal na recta da Tablilla, na estrada AC-413. Faleceu un veciño de Tordoia que, segundo parece, tentaba cruzar á gasolinera cando o colleu un coche que viña adiantando outro.
María Xosé vive e traballa xusto en fronte, e tamén foi testemuña do tráxico sinistro que acabou coa vida de dous mozos aquí en xaneiro.
Foron os máis graves do ano, pero din os veciños que as colisións e os sustos son frecuentes nesta recta. E achácanos sobre todo a que non se respectan os límites de velocidade.
Piden algunha medida que disuada os condutores de saltar eses límites e que vaian máis amodo.
É a estrada que une Ordes e Carballo, co que ten moito tráfico. E, malia ser unha recta, din que se está mal tempo ou é de noite ten pouca visibilidade, así que tamén piden máis iluminación na zona.