CRTVG

Buscar

O turismo de contacto cero xa está en Outes

Publicado o 17/05/2020 14:51

Unha empresa hoteleira de Outes adaptou a súa oferta ás novas esixencias sanitarias por mor do coronavirus. As súas cabanas en árbores xestiónanse baixo a máxima de contacto cero: acceso mediante códigos, restauración por encargo e desinfección extrema de estancia e roupa. O turismo poscovid xa está aquí.

"Ninguén ve outro hóspede nin ningún empregado", ilustra a empresaria turística Renata Lema.

Este é o turismo de contacto cero, o novo xeito de viaxar mentres a COVID-19 continúe nas nosas vidas. Unha empresa hostaleira do concello coruñés de Outes adaptou a oferta das súas cabanas nas árbores ás novas esixencias sanitarias. O cliente nin sequera ten que pasar por recepción.

Esta empresaria aclara: "Facemos o rexistro de entrada e o de saída non presencial, de xeito que a xente vai directamente da súa casa á súa cabana".

O hóspede recibe unha cesta con produtos desinfectantes e sanitarios, e o servizo de restauración, personalizado, deixa a comanda directamente na porta do cuarto. Ademais, aplícanse novos protocolos de limpeza: "Cómpre limpar máis as chaves da luz, as cisternas, as patas das mesas, os teitos, as paredes... Hai que facer unha limpeza máis exhaustiva de absolutamente todos os elementos", indica Renata Lema.

Menos contactos, pero máis seguridade. É o turismo que xa está aquí. Aínda que para o viaxeiro vocacional gozar deste orixinal emprazamento é o que conta.

Noticias web

17/05/2020