CRTVG

Buscar

O traslado dos restos de Rosario Porto a Santiago é inminente

Publicado o 24/11/2020 13:30

Descoñécense aínda os resultados da autopsia do corpo de Rosario Porto. O informe está pendente da análise das mostras enviadas ao Instituto Nacional de Toxicoloxía, por se tomase algunha substancia que lle axudara a morrer. A pesar dese trámite, o xuíz xa autorizou a entrega do cadáver aos curmáns que se desprazaron a Ávila, en representación dos demáis, para facerse cargo dos trámites funerarios.

Segundo fontes próximas á familia, os restos mortais de Rosario Porto serán incinerados e inhumados despois no cemiterio de Boisaca, xunto a súa nai, Socorro Ortega. O traslado dos restos a Santiago podería producirse en breve.

O que segue sen ter información oficial de todo o procedemento é o avogado de Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, segun nos confirmou esta mañá.

O caso Asunta será o eixe central dunha noite temática na Televisión de Galicia. Emitirase un documental propio sobre a historia da familia Porto-Basterra, que conta con testemuños como o do catedrático de Psicoloxía Jorge Sobral.

Afonda entroutros asuntos na motivación do crime. E tamén na personalidade de Charo Porto e en como o seu caos afectivo puido levala a participar no asasinato de Asunta e logo a culpabilidade puido derivar na busca da paz suicidándose, o que en psicoloxía denominan suicidio lúcido.

A continuación emitiráse outro documental realizado pola productora Bambú: Caso Asunta. O que a verdade esconde e que mestura ficción e investigación. A dobre cita desta noite temática sobre o caso Asunta será a partir das 10 e media.

Noticias web

24/11/2020