CRTVG

Buscar

O tráfico aéreo volve ser normal nas Canarias tras a alerta pola calixe

Publicado o 25/02/2020 10:22
O tráfico aéreo volve ser normal nas Canarias tras a alerta pola calixe

A operativa dos aeroportos canarios desenvólvese de novo con normalidade tras a tormenta de vento e area que obrigou nos últimos días a interrompela por momentos para acabar por paralizala, segundo informaron fontes de  Aena.

Despois de que, só en Gran Canaria, se cancelaran este domingo 289 voos e desviaran 27, situación que afectou a entre 12.000 e 14.000 persoas, este martes, festivo en Canarias polo Entroido e xornada na que non hai actividade escolar polo perigo que aínda entraña a inhalación de calixe, este e o resto de aeródromos das illas operan sen incidencias.

Durante esta xornada festiva no arquipélago está previsto que os oito aeroportos situados nas distintas illas de Canarias operen 1.197 voos, entre chegadas e saídas.

Dada a evolución favorable deste adverso episodio meteorolóxico que afectou ás illas nos últimos días, cando se rexistraron ao mesmo tempo fortes ventos, unha densa calixe, un ascenso de temperaturas e un mal estado da mar, o Goberno canario deu por finalizada este luns a situación de alerta, que pasou a prealerta.