CRTVG

Buscar

O temporal remite en terra, pero continúa o aviso no mar

Publicado o 13/12/2019 22:35

A situación no mar aínda é complexa e non vai cambiar nos vindeiros días. Mañá, de novo, a Mariña lucense verase afectada polo forte vento. Durante o venres rexistráronse refachos en Viveiro de máis de 130 quilómetros por hora. E segue activo o plan especial por risco de inundacións debido ao aumento do caudal de varios ríos nas catro provincias por mór das precipitacións.

O río Parga rebordou e asolagou varias zonas polas que discorre. Na estrada que une Parga e Mariz, dúas persoas tiveron que ser rescatadas do seu coche por este asolagamento. Nas últimas horas o 112 atendeu case 190 incidencias relacionadas coa chuvia. A maioría, por bolsas de auga nas estradas e caídas de árbores.

O mal tempo afectou todos os aeroportos galegos. Na mañá do venres, o voo das 12.45 Madrid- A Coruña tivo que desviarse a Santiago.  E en Vigo, unha avaría no sistema antinéboa obrigou a desviar cara a Santiago o Air Europa procedente de Madrid das 8 da mañá. Tamén se cancelou o seu correspondente Vigo-Madrid. Unha hora máis tarde, desviouse a Santiago o Vueling que viña de Barcelona e cancelouse o seu correspondente Vigo-Barcelona.

A situación estivo revolta en todo o litoral galego, onde se mantivo activado o aviso laranxa. Estimábase que se alcancen os sete metros, pero houbo moito mar ao longo do día. E de feito, tanto nas Illas Sisargas como en Estaca de Bares houbo ondas que se achegaron aos 8 metros. O vento tamén provocou problemas porque chegou a haber refachos de 100 km hora en Cedeira. Así as cousas, en toda a costa houbo que tomar precaucións. De feito, na praia de Riazor, na Coruña, decidiron facer unha duna para protexer o paseo marítimo. Durante boa parte do venres estiveron amoreando a area nas proximidades de terra firme para evitar que o mar puidera afectar as beiravías. 

O temporal tamén afectou  todo o Cantábrico, con imaxes como as que nos deixaron o mar e o vento en San Sebastian. No País Vasco rexistráronse catro feridos polo temporal de vento. Nalgúns puntos da costa cántabra, as ondas superaron os 14 metros e o vento en Castro Urdiales superou os 100 quilómetros por hora. Cantabria estivo ata as 3 da tarde en aviso vermello e a situación foi mellorando ao longo da tarde.  

E este tipo de perigos non pasaron: a chuvia será especialmente intensa a noite do sábado para o domingo. Idas e vidas de borrascas farán que o tempo continúe igual nos días vindeiros do Nadal.
Ana Lage, di que son borrascas qe se sitúan en Irlanda, fundamentalmente, e que esas frontes nos van afectar.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2019