CRTVG

Buscar

O temporal Cecilia amaina deixando atrás estragos e momentos de alarma

Publicado o 15/11/2019 14:16

O paso do temporal Cecilia por Galicia deixou máis de 700 incidencias, a maior parte delas na provincia da Coruña. Ventos de máis de 120 quilómetros por hora levantaron tellados e tumbaron árbores, mesmo unha casa se derrubou en Ferrol. Na costa houbo aviso vermello e rexistráronse ondas que alcanzaron os 15 metros de altura. 

Este temporal de outono, bautizado Cecilia, deixou refachos de máis de cen quilómetros por hora en moitas localidades, o que provocou situacións de perigo coma esta rexistrada na cidade da Coruña.

En Malpica alcanzouse o refacho máis rápido: 124 quilómetros por hora. En Ferrol, o temporal botou abaixo esta casa no barrio de Esteiro, xa en estado ruinoso desde hai anos, causando importantes danos materiais, incluído a este coche que estaba aparcado diante. Os veciños xa levaban tempo denunciando que isto podía pasar.

A pesar das moitas incidencias rexistradas por toda Galicia, afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais.

En Vilagarcía, un veleiro amarrado no porto do Xufre voou ata o peirao. En Vigo, víronse árbores arrincadas, unha caeu sobre un coche no Berbés e outra no paseo de Montero Ríos. 

A chuvia e o forte vento puideron contribuír ao derrubamento da fachada dunha casa no barrio ferrolán de Esteiro. Caeu sobre un coche pero non causou danos persoais. O inmoble estaba declarado ruinoso e o propietario agardaba permiso para rehabilitalo.

No mar, o temporal deixou moita ondada. Tanto na costa de Lugo como na provincia da Coruña, as ondas alcanzaron os once metros. Na cidade da Coruña, a forte ondada sobrepasou a barreira de area da praia de Riazor.

En Pontevedra, a frota quedou amarrada a porto e houbo ondas xigantes. O vento soprou ata os 108 km/h en Cabo Udra, a marca máis alta das Rías Baixas. As ondas en Cabo Silleiro superaron os oito metros de media pero, segundo as medicións de Portos do Estado, houbo picos de ata 15 metros de altura.

Nalgúns puntos da Terra Chá a auga asulaga os campos e tamén algunhas pistas locais que tiveron que ser cortadas ao tráfico. Pidese moita precaución os que circulen pola zona xa que se poden atopar con bolsas de auga na estrada. Nesta comarca están en prealerta o ríos Ladra e Labrada. En Viveiro, a alerta está no Landro na parroquia de Landrove e na cidade de Lugo o Miño que nas últimas horas xa estivo a piques de debordarse en varios puntos ao seu paso pola capital.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2019