CRTVG

Buscar

O Supremo mantén en prisión a Junqueras e afirma que non ten inmunidade

Publicado o 09/01/2020 12:22

A sala que xulgou o 'procés' no Supremo acordou este xoves manter en prisión ao ex-vicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras e considerou innecesario pedir ao Parlamento Europeo que lle levante a inmunidade, ao estar condenado xa en firme a 13 anos de prisión e inhabilitación.

É a resposta que a Sala do Penal, que rexeita anular o fallo do 'procés', deu á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que recoñeceu a Junqueras como eurodeputado.

Nun auto, o Supremo executa a pena de inhabilitación que mantiña en suspenso e lembra que a Xustiza europea pronunciouse sobre a situación de Junqueras cando estaba en prisión provisional. A inmunidade que lle recoñeceu, engade, non era "unha blindaxe" fronte á sentenza.

A condena firme "conleva a exclusión da condición de eurodeputado" que lle recoñeceu o tribunal europeo, explica o Supremo, que acordou comunicar a súa decisión tanto ao Parlamento Europeo como á Xunta Electoral Central (XEC).

O Alto Tribunal tamén rexeita suspender cautelarmente a inhabilitación 

Por outra parte, outras sala do Tribunal Supremo tamén rexeitou suspender de maneira urxente o acordo da Xunta Electoral Central (XEC) en que lle retirou a condición de eurodeputado ao líder de ERC, Oriol Junqueras, dado que existe unha sentenza firme contra el que o condenou a 13 anos de prisión polo 'procés'.

"A existencia da devandita resolución condenatoria determina que non podamos dar lugar á petición do recorrente", di a Sala do Contencioso-Administrativo no auto en que desestima as medidas  cautelarísimas solicitadas pola defensa de Junqueras, no recurso que presentou contra a resolución do árbitro electoral.

Fronte aos "intereses de singular relevo" expostos polo ex-vicepresidente da Generalitat, a Sala lembra que, ao outro lado da balanza, atópase unha sentenza ditada contra el por outra Sala do Supremo, a do Penal, que o condenou a 13 anos de prisión e os mesmos de inhabilitación por sedición e malversación.

"A prevalencia obrigada á xurisdición da orde penal impídenlle a esta Sala adoptar decisións que puidesen interferir na execución dunha sentenza penal firme ou entorpecer a eficacia dos seus pronunciamentos", sostén.

Os maxistrados negan que a súa decisión vulnere os dereitos fundamentais invocados por  Junqueras nin tampouco o dereito da Unión Europea por mor da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que indicou que o ex-vicepresidente debeu gozar de inmunidade desde que foi proclamado como eurodeputado, o 13 de xuño.

Tras denegar as cautelarísimas, o tribunal tramitará agora a petición de Junqueras como medidas cautelares, o que implica que debe oír ás partes, polo que dá un prazo de cinco días á Xunta Electoral para que presente as súas alegacións.

O acordo en litixio adoptouno a XEC o pasado 3 de xaneiro, na mesma sesión na que resolveu que había que retirar a acta de deputado autonómico ao presidente da Generalitat, Quim Torra, tras ser condenado por desobediencia.

Na súa resolución sobre Junqueras, a Xunta Electoral, por sete votos a favor e cinco en contra, aceptou os recursos expostos polo PP, Ciudadanos e Vox, que acudiron a ese organismo para que acordase a perda da condición de eurodeputado do ex-videpresidente por "inelexibilidade sobrevida", ao pesar sobre el condena en firme.

A XEC avalou esa idea e determinou que a condena a Junqueras "determina o seu cesamento como deputado electo do Parlamento Europeo".

Declarou así a perda da súa condición de parlamentario europeo "con anulación do seu mandato" e con efectos desde a data do acordo e comunicou a súa decisión ao Parlamento Europeo.

A súa vacante, segundo a Xunta, debe ser cuberta polo seguinte candidato que concorreu ás eleccións europeas na lista que encabezaba Junqueras, Jordi Solé i Ferrando, que será convocado ante a XEC para acatar a Constitución e poder tomar posesión da súa acta.

A defensa de Junqueras achegou ao Supremo un documento en que Jordi Solé manifestaba que non se opoñía á suspensión do acordo da XEC.

Tras rexeitar as cautelarísimas de Junqueras, a Sala do Contencioso estuda agora se suspende de urxencia o acordo da XEC sobre Quim Torra.