CRTVG

Buscar

A sentenza do 1-O supoñerá penas de prisión para os acusados

Publicado o 13/10/2019 10:51

• O Tribunal Supremo pactaría sedición por unanimidade

Reaccións independentistas e das voceiras de PP e Cs

Malestar do xuíz Marchena polas filtracións da sentenza

Aquí, no Tribunal Supremo, concéntrase os focos da actualidade, porque o presidente da Sala Segunda, Manuel Marchena, e os outros seis maxistrados que xulgan o caso do procès están revisando esta fin de semana a sentenza, que terá previsiblemente unha extensión de entre 300 e 500 folios. Os sete están molestos coas filtracións que se veñen producindo, pero o certo é que hoxe hai unha avalancha de informacións e especulacións sobre as penais finais.

Entre o que transcendeu, destaca que moi posiblemente quedarán excluídas totalmente as penas por rebelión, as máis graves, que implicarían ata 25 anos de prisión. Primará o delito de sedición, que é contra a orde pública, en detrimento do de rebelión, que vai contra a orde constitucional. Nese sentido, consideraríase que a violencia puntual no outono de 2017 non tivo suficiente entidade como para chegar á rebelión.

Os datos sobre as posibles penas hai que tomalos con moita prevención, porque só constitúen un avance do que se pode facer efectivo. Pero resumindo o que hoxe divulgan distintos medios, o ex-vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, enfrontaríase a unha pena por sedición e malversación, que implica entre 10 e 15 anos de prisión e probablemente outros tantos de inhabilitación para cargo público. A mesma sorte correrían os ex-conselleiros Raül Romeva, Joaquim Forn, Jordi Turull, Dolors Bassa e Josep Rull. Os líderes das entidades soberanistas, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, enfrontaríanse a penas de sedición e non está clara a malversación, o mesmo que sucedería coa ex-presidenta do Parlament, Carme Forcadell. No caso dos outros tres ex-conselleiros, Meritxell Borràs, Santi Vila e Carles Mundó, a pena sería claramente menor e quedaría en desobediencia.

Incidimos na prevención coa que hai que procesar estes datos pendentes de confirmación. Está previsto que o vindeiro luns os sete maxistrados asinen a sentenza. Distintos medios afirman que se fará pública o mesmo luns, pero outras fontes sinalan que se houbera algún voto particular dalgún dos xuíces implicados podería demorarse ata o martes ou mércores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2019