CRTVG

Buscar

O Supremo avala exhumar os restos de Franco para enterralos no Pardo

Publicado o 24/09/2019 19:01

• A familia do ditador pretendía enterralo na catedral da Almudena

• Reaccións: o Goberno quere exhumar a Franco "canto antes"

O Supremo tomou a decisión por unanimidade. Os seis maxistrados da Sala do Contencioso avalaron o plan do Goberno de sacar os restos de Franco do Val dos Caídos e levalos ao cemiterio do Pardo, onde está enterrada a súa muller.

Desestiman así o recurso que presentaran os netos do ditador, que pedían que en todo caso os restos se enterraran na catedral da Almudena. O Goberno en funcións ten que fixar agora a data da exhumación, que quere que sexa canto antes. Carme Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, "canto antes mellor, porque é o que di a sentenza, e tamén para que estea o máis lonxe posible da campaña electoral"

A través de Twitter, Pedro Sánchez cualificaba a sentenza como unha gran vitoria da democracia. Pablo Iglesias dicía que repara un vergoña da historia de España.

O PP, Ciudadanos e Vox acusan o PSOE de utilizar a exhumación de Franco con fins electorais. Alfonso Serrano, PP: "Casualmente, de novo, antes dunha campaña electoral volve de novo o tema Franco. Nós ocupámonos dos vivos".

Lorena Roldán, Ciudadanos, "para enfrontar os cidadáns, para enfrontar os partidos... en definitiva, é unha estratexia para obter votos".

Iván Espinosa de los Monteros, VOX: "Que esteamos falando de recuperar unha Guerra Civil que acabou hai 80 anos demostra que o PSOE está en campaña".

Adriana Lastra, PSOE: "Non é o Goberno o que marca os tempos do Supremo, e iso teñen que entendelo todas as forzas políticas".

A decisión do Supremo é firme, pero a familia Franco xa anunciou que presentará un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. A batalla legal non acaba aínda, porque un xuíz de Madrid mantén en suspenso a licenza de obra necesaria para levantar a lousa da tumba do ditador.