CRTVG

Buscar

O supermartes non aclara quen será o rival de Trump nas presidenciais

Publicado o 04/03/2020 10:03

O que fora vicepresidente de Barak Obama, o veterano Joe Biden, sacode o taboleiro das primarias demócratas e arrebata a Sanders a vitoria no supermartes. Era impensable hai só unha semana, e foi posible grazas á retirada de tres candidatos moderados que serviron para concentrar en Biden o voto do sector máis conservador do partido. Biden gañou en 9 estados, incluído Texas, pero Sanders mantén California, que é o estado que reparte máis delegados.

Non hai nin unha semana que case que ninguén consideraba as opcións de Biden para lograr a candidatura dos demócratas á presidencia de Estados Unidos. Así que os resultados desta noite non só foron unha sorpresa, senón que conseguiron darlle a volta ao taboleiro. Foi fundamental a concentración de voto moderado na súa candidatura, pero tamén o apoio da comunidade afroamericana no sur, onde non esquecen a vicepresidencia de Biden con Obama. Aínda que moitos analistas destacan tamén o apoio en estados do norte, considerados máis esquerdistas, como Massachusetts, xusto a carón de Vermont, onde Sanders arrasa desde hai xa catro anos.

Biden fala do cambio climático e da mellora da educación, ao tempo que di que para gañar a Trump se necesita un demócrata dos de toda a vida. Porque Sanders, declarado socialista, está considerado un outsider polo establishment, mesmo por parte do seu propio partido. Aínda que se segue amosando convencido das súas opcións.

"Imos derrotar o presidente máis perigoso da historia deste país", dixo Sanders, en referencia a Donald Trump, para o que o supermartes foi algo así como un paseo triunfal, e carente de emoción, no que acaparou un 95 % dos apoios. Ata se permitiu facer chanza dos pobres resultados do multimillonario demócrata Bloomberg, que despois de investir 500 millóns de dólares, podería tomar nas próximas horas unha decisión definitiva sobre a campaña.

Tras o supermartes, a situación entre os demócratas dirimirase entre Biden e Sanders, aínda lonxe os dous para xuntar os 1.991 delegados que precisan en xullo para desfacer o empate. Se non o conseguen, esperan non ter que chegar ás 103 roldas de votacións que foron precisas en 1924 para conseguir un candidato.

Noticias web

04/03/2020