CRTVG

Buscar

O Sorteo da Cruz Vermella deixa en Santiago dez millóns de euros en premios

Publicado o 09/06/2019 14:41

Santiago de Compostela recibiu unha choiva de millóns en forma de primeiro premio do Sorteo Especial da Cruz Vermella. En total, dez millóns de euros a repartir entre varios décimos. O "quen o tivera" foi o dito preferido por un día no barrio de Conxo.

O barrio compostelán de Conxo converteuse no afortunado destinatario do sorteo da Lotería Nacional que se celebraba a favor da Cruz Vermella. O azar quixo que o 57.806 fose o primeiro premio e que se vendera integramente na adminstración de lotería número 13 de Santiago. En total, dez millóns de euros a repartir entre os afortunados posuidores. Dende este bar, que leva 17 anos abonado ao número premiado,achegaron a sorte a moitos veciños.

Manuel Puente Mosquera, encargado do Bar Pajueleira, vendeu varios dos boletos premiados aos seus clientes: "Vendimos once décimos. Nos collemos sempre vinte décimos, pero cando é de doce, algunha xente xa non o colle porque se lle fai moito. Son veciños, abonados, todos de aquí. Tódolos sábados collen."

Os afortunados premiados, que levan cen mil euros por décimo, residen todos no barrio de Conxo. A veciñanza ía coñecendo pouco a pouco a nova:  "É moi bo que os cartos caian aquí no noso sitio, para as persoas que hai aquí, que son moi boas e agradables. É encantador", aseguraba un residente.  "Non se notou moito. Bomba e iso non se notou que botaran, de momento hai actividade normal. Hai que estar atentos estes días a ver se alguén se invita a algo, ou que teña algún detalle", comentaba outro veciño.

Non é a primeira vez que a sorte rolda esta administración, que xa repartira premios no Nadal. E como nunca se sabe para onde apuntará a deusa fortuna, o que conta é non perder a ilusión, tentar os fados e participar no próximo sorteo, ou simplemente, practicar a empatía e alegrarse polos premiados.

Noticias web

09/06/2019