CRTVG

Buscar

O socialista César Poza, elixido alcalde de Vilaboa tras a dimisión de Francisco Costa

Publicado o 20/08/2020 21:38
O socialista César Poza, elixido alcalde de Vilaboa tras a dimisión de Francisco Costa

O socialista César Poza foi elixido rexedor municipal de Vilaboa por maioría simple, cos votos en contra do PP e a abstención do BNG, que rompeu o pacto de coalición en desconformidade coa decisión do seu ex-socio de goberno de cubrir a renuncia do anterior alcalde, Francisco Costa, con quen ocupaba o noveno posto da lista electoral.

Nun pleno extraordinario duns 20 minutos celebrado na Casa da Cultura de Riomaior, coa asistencia duns 25 veciños, César Poza comprometeuse cos habitantes de Vilaboa a "pelexar cada día por non defraudalos".

O novo alcalde explicou que, aínda que "non son as mellores circunstancias" para a súa incorporación, chega sen "ningunha hipoteca" desde o punto de vista político, as "ideas claras" e "leccións aprendidas" da súa anterior etapa como concelleira de Educación e Cultura. "Será necesario afrontar con enteireza e capacidade resolutiva o actual escenario de crise pola pandemia", sinalou Poza.

Por iso, asegurou que lamenta "profundamente" a decisión do grupo municipal do BNG e comprometeuse a "traballar con eles e o resto da Corporación na procura das mellores solucións para os veciños, escoitando a todos pero tomando decisións".

Dirixiuse a dous dos tres concelleiros nacionalistas, xa na oposición, e aos catro populares para ofrecerlles o seu "compromiso firme coa transparencia e o diálogo". Para César Poza, "é momento de estar unidos" para que as consecuencias da crise "teñan o menor impacto posible", polo que advertiu que "mirar por intereses particulares ou partidarios non é facer política nunca, e menos cando a urxencia é máxima".

Pola contra, mostrouse partidario de "tender pontes". Poza finalizou a súa intervención agradecendo o traballo do seu precedesor durante os últimos cinco anos e a influencia dos seus "mentores políticos", o ex-alcalde Luís Poceiro e o ex-tenente de alcalde Francisco Barcala.

Crise e ruptura da coalición co BNG

Pola súa banda, o BNG mostrou o seu interese por resolver o funcionamento interno do concello, para que a partir do venres poidan tratar co grupo municipal do PSOE o traspaso das áreas de promoción económica, obras, cultura e mocidade que estaban xestionadas polo tres edís nacionalistas, xa que desde o pasado luns, cando o Bloque anunciou a ruptura do pacto, non se produciu ningún contacto entre ambos os partidos.

O BNG chegara a cualificar a elección de César Poza como "unha estafa á cidadanía" e unha decisión que puña "en dúbida a valía dos compoñentes actuais do grupo de goberno socialista". A crise entre os ex-socios culminou con acusacións cara ao PSOE por "invadir competencias" asignadas ao BNG no pacto e polo "incumprimento reiterado de acordar a acción de goberno", ademais de atribuír o cambio no bastón de mando a unha "estratexia" baseada na actitude dos socialistas de exercer "como un goberno con maioría absoluta, relegando ao BNG a un plano meramente administrativo".

A portavoz do Bloque, Ornela Fernández, xustificou a decisión tomada en base a que a xestión do que cualificou como unha "crise institucional, non de partidos", foi "de principio a fin, nefasta". Ao considerar que a confianza entre ambas as formacións está "rota", apelou á "dignidade" do grupo municipal nacionalista para "non participar" no que tachou de "engano á cidadanía", polo que pasa así á oposición.

O edil socialista José Manuel Piñeiro admitiu a "présa" na xestión da renuncia do exalcalde, pero rexeitou as acusacións de "fraude", argumentando que a solución adoptada está "dentro da normativa".

En canto ao PP, o concelleiro Alberto Acuña non compartiu a "fraude" exposta polo BNG, de forma que empraza a Poza a estar "á altura e que demostre que se pode confiar nel".