CRTVG

Buscar

O Sergas xa dispón da proba do COVID-19 en todos os hospitais

Publicado o 26/02/2020 14:27

Ante o coronavirus nin podemos caer no desleixo nin tampouco no alarmismo. A resposta correcta tena a ciencia médica e os datos son os que nos dan a medida.

"É relativamente axeitado comparalo cunha gripe porque os síntomas son semellantes", explica Hugo Pérez Freixo, especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUS.

A gripe de 2019 en España tivo máis de medio millón de contaxios e 6.300 mortos, só en España. O COVID-19 está moi por baixo dese nivel de incidencia: 80.000 casos e 2.600 falecidos, pero en todo o mundo. A taxa de mortalidade fóra de Wuham non supera o 0,7%. A poboación de risco son as persoas con patoloxías previas.

"O maior problema vano ter os anciáns a partir de 70 anos e os pacientes con algún tipo de inmunocompromiso. En xente sen problemas previos de saúde, normalmente é unha enfermidade banal", explica o doutor Pérez Freixo.

Non hai que impresionarse tampouco ao ver os médicos con luvas, lentes e máscaras. Lévanas precisamente porque o coronavirus é un patóxeno novo para o que non hai vacina. "Pero si hai dispoñibilidade da proba en todos os hospitais da rede do Sergas". Esa proba faránllela aos pacientes con pneumonía de orixe inexplicable. Se viaxaron ao norte de Italia nos últimos quince días e teñen síntomas, deben avisar o 061 ou ir ao centro de saúde.

Noticias web

26/02/2020