CRTVG

Buscar

Galicia vacinará por orde alfabética os profesores non universitarios menores de 55

Publicado o 23/02/2021 14:33

• Comezarán este mércores e o Sergas quere vacinar 50.000 docentes de infantil, primaria e secundaria antes de abril

• A vacina que se vai utilizar é a de AstraZeneca 

Este mércores comeza a vacinación de 50.000 profesores galegos menores de 55 anos, aínda que a algúns xa llela administraron estes dias para testar o dispositivo da campaña. Aos profesores cítanos nos hospitais de referencia do lugar onde traballan e non no de residencia. Chamaranos por orde alfabética para evitar que coincidan moitos do mesmo centro educativo. Recibirán a primeira dose da vacina de Astra Zéneca, que, de momento, non está recomendada para maiores desa idade.

"A finais de marzo poderiamos ter rematado este proceso, de momento cos menores de 55 anos. Se houbese algunha novidade respecto á vacina de Astra Zéneca ou maior presenza doutras marcas que permitan vacinar persoas de maior idade deste colectivo, por suposto que o actualizariamos", aclarou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

A Xunta pon en valor o labor do profesorado no cumprimento das medidas anticovid e destaca que priorizalos na vacinación incrementará a seguridade nas aulas.

 "Cada persoa vacinada é un risco menos. Cada docente vacinado fai que o sistema sexa máis seguro", asegurou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Unha idea que coinciden en transmitir os profesores que recibiron a vacina durante as probas piloto."O que dá e moita tranquilidade para ir traballar máis seguro" asegura un profesor. "Máis seguridade con vistas aos rapaces e tamén para nós mesmos, porque tamén temos pais e fillos", di unha docente.

A intención de Sanidade é comezar cos mestres de educación infantil e os que atenden alumnado con necesidades especiais. Despois vacinarán ao mesmo tempo o profesorado de primaria e secundaria.
 

Noticias web

23/02/2021