CRTVG

Buscar

O Sergas fará un cribado do persoal da hostalería de Ourense para garantir unha volta segura á actividade

Publicado o 04/12/2020 19:15

O Sergás fará un cribado do persoal de hostalaría en Ourense par unha "volta segura á actividade", segundo informou a Dirección da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.   Así, na mañá deste venres contactouse con dúas asociacións con presenza na provincia para que, á súa vez, difundan entre o colectivo esta acción.

Aproveitando o reinicio á actividade, poderán participar, de forma voluntario, neste cribado que se fará con probas PCR.   Segundo informaron as mesmas fontes, está aberto a todos os traballadores do sector que o desexen, sen límite de tempo.  

Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén recolle unha modificación das axudas á hostalaría polos peches decretados, de forma que ademais de computar as semanas completas mesmo esta semana, aínda que sexa só unha fracción, se o establecemento estivo afectado nas últimas semanas

Grupo de máximas restricións 

Grupo de concellos con máximas restricións de reunións (en hostalaría e ámbito privado): Pontevedra e os seus concellos perimetrales de Poio e Marín; a améndoa O Grove-Sanxenxo; a améndoa Carballo-A Laracha; e de forma individual Tui, Ponteareas, Moaña, Vilalba, Narón, Redondela, O Porriño, Cambados, e As Pontes (que entra como novo concello de máximas restricións, tamén en mobilidade, tras os últimos datos) e Boiro (que se suma desde este sábado). 

Responden a unha situación epidemiolóxica dunha incidencia igual ou superior a 250 se teñen máis de 10.000 habitantes.   

Nestes concellos está permitido: terrazas ao 50 por cento e ata as 17:00 horas. Agrupación máxima de catro persoas, sexan conviventes ou non. Non se pode saír dos perímetros individuais ou das améndoas.

Grupo dous, nivel medio-alto   

O segundo grupo está composto polos seguintes concellos ou grupos: Ferrol (co que se desfai a améndoa con Fene e Neda, que pasan ao nivel básico de medidas); a améndoa Vigo-Mos-Nigrán-Gondomar; a améndoa Vilagarcía-Vilanova; e os concellos, de forma individual, de Lugo e Cangas.  Tamén forman parte: a améndoa de Coristanco-Cabana-Malpica-Ponteceso; a améndoa de Meis-Meaño-Ribadumia; a améndoa de Cee-Dumbría-Muxía; e os concellos, de menos de 10.000 habitantes, como A Guarda (que entrou en restricións de mobilidade agora coa decisión deste último comité clínico), Vimianzo, Ribadavia, Xinzo e Vilaboa.   

Para todos eles, tívose en conta que teñan unha incidencia aproximada de entre 150 e 250 casos a 14 días -se son de máis de 10.000 habitantes- ou de máis de 250, se teñen menos de 10.000 habitantes. Deste grupo saen Oroso, Neda e Fene a partir deste sábado, tras as decisións do subcomité clínico deste venres.   

Medidas para este grupo de municipios: apertura da hostalaría co 30 por cento de ocupación no interior e 50 por cento en exterior. Ata as 17:00 horas. Agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non conviventes. Non se pode saír dos perímetros individuais ou das améndoas

Grupo tres, restrición media   

Nun terceiro grupo, de restricións medias, atópanse os seguintes concellos: a améndoa da Coruña-Arteixo-Cambre-Culleredo (sae Oleiros, que pasa ao nivel básico a partir deste sábado); e os concellos, de forma individual, de Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade.   

Neste caso, tívose en conta que a incidencia a 14 días estea entre 100 e 150, para os de máis de 10.000 habitantes, e entre 150 e 250 nos de menos de 10.000 habitantes. Deste grupo despréndense dalgunhas restricións, para adoptar as do nivel básico, os municipios de Oleiros e Burela. 

Medidas aprobadas para esta fase: apertura da hostalaría ao 40 por cento no interior e 50 por cento no exterior. Ata as 23 horas e cunha agrupación máxima de seis persoas, sexan ou non conviventes. Non se pode saír dos perímetros individuais ou das améndoas.

Grupo catro, nivel de restrición básica   

Neste último nivel atópanse todos aqueles concellos que non teñen medidas especiais aplicadas en toda a xeografía galega, é dicir, en todos os municipios excepto en 51. Tras a reunión do comité clínico deste martes (cuxas decisións entraron en vigor este venres) e as decisións do subcomité clínico deste venres (que entran en vigor o sábado), viron aliviadas as súas restricións as antigas améndoas de Santiago-Teo-Ames e de Ourense-Barbadás-Pereiro de Aguiar e os concellos da Estrada e Ares. A eles, hai que sumar Neda, Fene, Burela, Oleiros, Lalín e Oroso (a partir deste sábado). 

Para estes municipios tívose en conta que a incidencia estea por baixo de 100, en casos de municipios de máis de 100.000 habitantes e de 150, nos de menos. 

Os parámetros de apertura son: ocupación do 50 por cento na hostalaría no interior e o 75 por cento no exterior. Ata as 23 horas e cun máximo de seis persoas, conviventes ou non. En todos estes municipios, así como no resto non mencionados ata os 313 que hai en Galicia, non existen limitacións de mobilidade, salvo que durante a ponte non se pode saír da comunidade e non se pode ir a outro municipio que estea pechado perimetralmente.

 

Noticias web

04/12/2020