CRTVG

Buscar

O Sergas detecta 13 positivos no cribado de Bueu e anuncia novas probas en Arteixo

Publicado o 22/01/2021 17:01
O Sergas detecta 13 positivos no cribado de Bueu e anuncia novas probas en Arteixo

Os cribados preventivos efectuados a pasada fin de semana en Bue lanzaron un total de 13 positivos, segundo informa a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Sobre un censo de 9.915 persoas maiores de 15 anos, recolléronse un total de 7.190 mostras de saliva e nasofarínxeas. A participación foi do 72,5% da poboación convocada voluntariamente.

Por outra banda, o cribado preventivo con PCR efectuado o pasado luns na parroquia de Portela, en Cuntis, deu como resultado un positivo por coronavirus nun total de 150 mostras recollidas sobre un censo de 204 cidadáns maiores de 15 anos veciños dos lugares de Portela, Loureiro de Arriba e Abaixo, así como de residentes no lugar de Novás. Esa participación foi do 73 por cento da poboación convocada voluntariamente. 

Pola súa banda, a área sanitaria da Coruña e Cee informou que se continúa cunha "intensa actividade" de busqueda de casos positivos de Covid-19. Así, indica que desde o domingo, día 24, ata o mércores, día 27, terá lugar en Arteixo un cribado poboacional mediante test de saliva aos veciños de entre 15 e 50 anos.

O lugar elixido é o aparcamento do campo de fútbol desta localidade, na avenida Arsenio Iglesias. Todos os veciños deste municipio pertencentes á franxa de idade establecida serán citados mediante mensaxe sms nos seus teléfonos móbiles, entre as 9:30 e as 19:30 horas.

Noticias web

22/01/2021