CRTVG

Buscar

O Sergas confirma un total de doce positivos no Fuenlabrada

Publicado o 23/07/2020 23:07
O Sergas confirma un total de doce positivos no Fuenlabrada

Os integrantes da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada desprazada á Coruña infectados por coronavirus son xa un total de 12, despois de que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) ratificase que hai seis novos diagnosticados. Segundo informou o SERGAS, os resultados obtidos nas probas realizadas polo laboratorio de microbioloxía da área Sanitaria da Coruña este xoves confirman que son 12 os casos positivos, incluídos os seis previamente diagnosticados como positivos o pasado martes por este mesmo laboratorio.

Con todo, unhas catro horas antes de seren coñecidos os resultados das probas do Sergas, o Fuenlabrada anunciou este xoves á tarde cinco novos contaxios por COVID-19, aínda que segundo os seus cálculos, un estaría pendente de aclarar.

O proceder do club de fútbol orixinou que a Xunta emitise un comunicado a última hora da tarde do xoves no cal cargaba contra a Liga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polos incumprimentos de forma "reiterada" da normativa sanitaria e lamentaba que "reincidan" na realización de tests de COVID-19 sen poñelo en coñecemento da Consellería de Sanidade, o cal supón un incumprimento da normativa vixente. 

En calquera caso, aos 12 positivos entre a expedición do Fuenlabrada na Coruña hai que engadir os catro membros do persoal que xa non puideron viaxar á cidade herculina, onde se segue confinado o equipo despois de suspenderse o seu encontro do luns ante o Deportivo.

Pola contra, as catro persoas ás que o mércores se lles realizou a proba PCR por teren contacto cos xogadores do Fuenlabrada na Coruña, tres condutores de autobús e un afeccionado, deron negativo en COVID-19. Son as únicas catro probas que a sanidade galega realizou a individuos alleos á delegación do Fuenlabrada en relación co rebrote no club, confinado nun hotel da Coruña.