CRTVG

Buscar

Sanidade confirma seis positivos no Fuenlabrada e que cinco deles viaxaron á Coruña xa contaxiados

Publicado o 22/07/2020 08:42

•  A Xunta e o Concello da Coruña pídenlle á Liga e á RFEF que asuman responsabilidades

Tebas xusifica a viaxe: "Os xogadores estaban en perfecto estado"

Un total de seis integrantes do CF Fuenlabrada confinados nun hotel na Coruña deron positivo por coronavirus; cinco deles xa viaxaron contaxiados á capital herculina, informou esta tarde o xerente da área sanitaria da Coruña-Cee, Luís Verde.

Verde indicou que mañá o Servizo Galego de Saúde volverá facer probas, consistentes nun estudo serolóxico, a estes seis positivos e a outros tres que supostamente deran positivo en Madrid. O Servizo Galego de Saúde realizou esta mañá un total de 46 probas ao persoal e ao corpo técnico do Fuenlabrada no hotel Finisterre, no que seguirán confinados.

O CF Fuenlabrada facilitou onte ao Sergas unha listaxe de oito persoas das que viaxaron á Coruña que deran positivo en probas realizadas en Madrid, das que o servizo galego confirmou cinco. "Nos nosos laboratorios resultáronnos positivas seis desas persoas, cinco coinciden coa listaxe que nos facilitou onte o Club e unha é da expedición pero non estaba nesta listaxe", detallou en declaracións aos medios o xerente da área sanitaria coruñesa.

O que procede agora, continuou, é facer un estudo serolóxico no laboratorio de microbioloxía para "ver o estado inmunolóxico destas persoas" ao haber a "discordancia" entre os positivos facilitados polo club e os detectados polo Sergas. Farase esta confirmación porque a PCR é "unha proba analítica cunha sensibilidade dun 65 %".

Este estudo de mañá con novas mostras realizarase por tanto ás oito persoas da listaxe e ao novo positivo. As medidas para tomar consisten no illamento dos positivos e a corentena dos contactos, é dicir, do resto da expedición.

Pola súa banda, Germán Bou, xefe do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, explicou que queren confirmar "os casos que inicialmente eran positivos", segundo lles trasladou onte o club a última hora da tarde, que eran un total de oito.

Tamén se está rastrexando as persoas que viaxaron coa expedición no avión e outras coas que puidesen ter contacto.

A expedición do Fuenlabra, illada no hotel

Un garda de seguridade á entrada do hotel é a única novidade no NH Finisterre con respecto a unha xornada normal. É o habitual que haxa seguridade cando se hospedan xogadores dun equipo de fútbol. E o Fuenlabrada segue na Coruña. Polo que nos contan outros aloxados no hotel, están illados e nin os viron.

A xente que permanece no hotel comenta que se sente totalmente segura e controlada. Os xogadores do Fuenlabrada permanecen nunha planta do aloxamento, que está aberto e, de momento, recibe hóspedes con normalidade.

Noticias web

22/07/2020