CRTVG

Buscar

O Sergas cita un milleiro de mozos para un cribado en Vilalba

Publicado o 22/01/2021 10:55

• 200 persoas están chamadas este domingo no Vicedo para realizar estas probas de detección

O Sergas cita un milleiro de mozos para un cribado en Vilalba

O Sergas comezou a citar por SMS unhas mil persoas de entre 20 e 30 anos de idade que están a ser convidadas a participar esta fin de semana nun cribado masivo en Vilalba, coa finalidade de detectar casos asintomáticos de covid-19, dado que, a pesar das restricións impostas nos últimos meses, a incidencia do coronavirus non descende.

O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, explicou que será "a primeira experiencia" na provincia con probas PCR "en saliva", de modo que "servirá como referencia" para axustar "a engrenaxe da loxística precisa", por se é necesario realizar ese tipo de cribado noutra franxa de poboación.

No SMS que están a recibir as persoas elixidas díselles que foron seleccionadas para participar no cribado e indícaselles que pasen mañá, preferentemente en automóbil, polo campo da feira da localidade, onde recibirán instrucións por parte dos sanitarios do Sergas para recoller a mostra que teñen que entregar o domingo -día 24 de xaneiro-.

Tamén se lles pide ás persoas que están en corentena ou xa presentan síntomas que non acudan.

Ares tamén confirmou que o Sergas realizará outro cribado masivo este domingo no Vicedo, neste caso a partir das 10:00 horas no polideportivo municipal.

Está previsto que pasen por ese cribado unhas 200 persoas, todas elas cun elevado contacto social polas súas profesións de fronte ao público.