CRTVG

Buscar

O SEPE recoñeceu e pagou as prestacións dos ERTE a 3,3 millóns de traballadores

Publicado o 15/05/2020 10:59
O SEPE recoñeceu e pagou as prestacións dos ERTE a 3,3 millóns de traballadores

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) recoñeceu e pagou en 33 días (desde que o pasado 27 de marzo se aprobou a fórmula simplificada dos ERTE por causa de forza maior) as prestacións de 3,3 millóns de traballadores acollidos a estes expedientes de regulación temporal de emprego.

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, deu estes datos nun acto telemático organizado por Nova Economía Forum, en que tamén participou o o director xeral da Organización Internacional de Traballo (OIT), Guy Rider. Preguntada

Ao preguntarlle polos atrasos no pagamento das prestacións para os afectados por ERTE, explicou que "o SEPE fixo o que nunca fixo na historia de España", e lembrou que a ese recoñecemento e pagamento de prestacións súmanse os 2,1 millóns de persoas que integran o paro estrutural, non derivado do coronavirus, e que tamén son beneficiarias de prestacións.

Díaz sinalou que a partir de agora entrarán novos ERTE, pero tamén moitos traballadores que estaban nesa situación xa se están reincorporando aos seus postos de traballo, coas reaperturas parciais que se están producindo nalgunhas partes de España.

Subliñou o labor dos traballadores do SEPE, cuxa persoal lembrou sufriu importantes recortes durante o goberno do PP. Neste sentido, sinalou que traballaron mesmo en festivos e "xogaron a pel para que os nosos compatriotas teñan unha renda".

Por outra banda, dixo que se reunirá a próxima semana a comisión tripartita para analizar sector por sector que necesidades teñen na saída da crise, na que vai haber uns máis afectados que outros e que lles custará máis volver á actividade, e que precisarán de máis apoios e axudas.