CRTVG

Buscar

O Senado rexeita que Montero compareza pola débeda ás comunidades

Publicado o 27/08/2019 16:17

 

 

O Senado rexeita que Montero compareza pola débeda ás comunidades

O PSOE tombou co seu voto en contra a iniciativa debatida este martes na Deputación Permanente do Senado, a pedimento do PP, para que a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, informase do estado dos pagos a conta das comunidades autónomas do ano 2019.

O grupo de Izquierda Confederal, o Grupo Mixto, e Ciudadanos apoiaron o PP na súa petición dunha sesión extraordinaria da Comisión das Comunidades Autónomas, onde Montero e os conselleiros de Facenda autonómicos renderían contas sobre este asunto e o financiamento autonómico.

Pola súa banda, o grupo nacionalista, que inclúe a JxCat, Coalición Canaria e o Partido Nacionalista Canario; o Grupo Vasco e o que aglutina a ERC e EH Bildu abstivéronse, sen que iso evitase que a maioría absoluta coa que contan os socialistas na Cámara Alta frustrase a solicitude.

Cos Orzamentos Xerais do Estado de 2019 bloqueados e os do anterior titular de Facenda, Cristóbal Montoro, prorrogados, o diñeiro das comunidades autónomas nas arcas públicas continúa bloqueado. O precursor da iniciativa, o portavoz do PP no Senado, Javier Maroto, describiu ao seu partido como un "axente activo" para liquidar o "recorte de servizos sociais" que asegura que se está producindo por mor de que as autonomías "que non aprobaron os seus orzamentos non poden habilitar partidas adicionais derivadas deses pagos a conta". Aludiu aos "venres sociais" do Goberno de Pedro Sánchez, en que o Consello de Ministros aprobaba mediante decreto lei algunhas medidas de carácter social, como a subida do salario mínimo interprofesional, para preguntarse por que non pode facer o mesmo coa repartición do financiamento.

A contestación do portavoz socialista no Senado, Ander Gil, centrouse en que "o PP non é un axente máis, son responsables" de que non se aprobaron os Orzamentos para proceder á repartición do capital que lle corresponde a cada autonomía.

A Generalitat inicia accións legais contra o Goberno pola débeda pendente

O Goberno catalán acordou este martes iniciar as accións legais contra o Executivo para reclarmarlle 1.317 millóns pendentes de pagamento, correspodentes principalmente ao financiamento de 2019, como paso previo á presentación dun recurso contencioso-administrativo.

 Así o anunciou en conferencia de prensa a conselleira da Presidencia e voceira do Goberno catalán, Meritxell Budó, ao termo da primeira reunión do Consello Executivo tras a paréntese estival, en que acusou, ademais, o Goberno en funcións de Pedro Sánchez de "vulnerar" a lei ao "incumprir" as súas obrigas financeiras coa Generalitat.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/08/2019