CRTVG

Buscar

A maioría republicana no Senado dos EUA absolve a Trump dos cargos do 'Impeachment'

Publicado o 06/02/2020 09:23

O Senado de Estados Unidos absolveu a Donald Trump dos cargos do impeachment. Como era de esperar, a maioría republicana do Senado pechou filas arredor do seu líder. A única excepción foi a de Mitt Romney, candidato presidencial en 2012. Este apelou ás súas convicións relixiosas para pasar á historia como o primeiro senador republicano que vota en contra dun presidente do seu partido.

Trump recibe o alento do Senado para seguir outros 349 días na Casa Branca e envía en Twitter a mensaxe de que queda presidente para bastante... cun vídeo que simula a portada da revista Time. Nel aparecen hipotéticas datas de reelección que rematan cun "Trump, para sempre". A menos dun ano das presidenciais, o ton electoral coouse tamén na avaliación do vicepresidente Pence.

A condena de Trump requiría unha maioría de dous terzos, 67 dos cen senadores. Pero os republicanos fixeron valer a súa maioría, cunha única excepción. Romney, candidato republicano en 2012, emocionouse ao explicar que foi a decisión máis difícil da súa vida. Apelou ás súas conviccións relixiosas e afirmou que Trump é culpable dun abuso de confianza pública. "Corromper unhas eleccións é o abuso máis atroz da Constitución", remachou. Non foi o único senador republicano en recoñecer veracidade aos cargos contra Trump, pero si o único que pasará á historia por votar en contra dun presidente do seu partido.

"Claramente, este non é un bo día para o Senado", explicaba o voceiro da minoría demócrata. Mentres, fronte ao Capitolio, un grupo de cidadáns manifestábase en contra da absolución. Berraban que Trump é culpable. Xusto o contrario do que onte decidiu o Senado dos Estados Unidos, que lle deu ao presidente a absolución.


 

Noticias web

06/02/2020