CRTVG

Buscar

O sector turístico galego resiste o verán cunha ocupación superior ao 50%

Publicado o 21/09/2020 21:58

Este ano toca facer un balance turístico do verán tan atípico como as circunstancias. As comparativas con campañas anteriores quedan en corentena e o sector valora os resultados tendo en conta o que puido ser e non foi.

"Non é que salvásemos o verán, pero fixemos unha ocupación importante e máis movemento do que agardabamos", asegura Leonardo López, director do hotel Carlos I Silgar.

De feito, Galicia pechou a tempada como unha das cinco comunidades auónomas con mellores datos.

"Ocupacións arredor do 50% no mes de xullo. E estamos á epera de que saia o mes de agosto que pensamos que estará arredor do 55-65% de ocupación", estima Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.

Foi sobre todo un turismo nacional, de proximidade que, segundo o sector, buscaba destinos afastados das grandes aglomeracións.

"Eu penso que o que máis funcionou este verán é que Galicia, e algunhas outras zonas do norte, se percibían como máis seguras", considera Leonardo López.

"Fíxonos moito mal o gromo da Mariña lucense porque se anularon moitas reservas. Pero tamén as medidas que se adoptaron serviron para darlle unha confianza ao turista que viña a Galicia", engade o presidente do Clúster.

Pero a campaña de verán remata e moitos establecementos teñen que pechar. O presidente do Clúster Turismo de Galicia, que se reuniu co vicepresidente primeiro da Xunta, reclama axudas para manter o tecido empresarial ata que comece o Xacobeo. Mentres, consideran necesario unir esforzos para poder seguir ofrecendo un destino seguro e de calidade.

Noticias web

21/09/2020