CRTVG

Buscar

O sector do ocio nocturno busca salvar os negocios e o emprego

Publicado o 23/09/2020 15:17

O sector do ocio nocturno de Galicia rexeita os incumprimentos nos locais de noite, e pide contundencia cos infractores. Propietarios de pubs, discotecas, salas de concertos e promotores de festivais din que a situación é crítica porque a maioría leva seis meses sen traballar. Reclaman poder retomar a actividade e mentres piden un plan de rescate ao sector e que non os deixen fóra da prórroga dos ERTE.

Aglutinan case tres mil negocios e máis de 8.000 empregos directos que din, tiran da economía. O presidente de Clubtura. a asociación de salas de concerto de Galicia destaca que deles "dependen os músicos, os técnicos de sonido, o persoal de porta... de nós dependen os hoteis, os restaurantes. Cada concerto move un montón de xente", di Alberto Grandío.

O sector quere ir retomando a actividade con garantías, máis alá do servizo nas terrazas ata a unha da mañá. E así llo van propoñer á Xunta.

Luís Diz, de Galicia de Noite explica que "que un, dous, tres ou catro negocios incumpran, o que non podemos permitir é que pechen todo o sector. O que hai é que pechar ese negocio que incumpra. Neste caso, revogación de licenza inmediatamente".

E, mentres, reclámanlle un plan de axudas. Seis millóns de euros para facer fronte ao pagamento de alugueiros e outros gastos. Coas reixas baixadas din que a situación é insostible.

"O 25% do sector do ocio nocturno cremos que neste mes xa se dan por vencidos, ao rematar os ERTE", asegura Carlos Rodríguez, presidente da Apemer, a asociación de locais de ocio nocturno de Vigo e Pontevedra.

E para evitalo súmanse esta tarde á acción Insomnio. Ás sete pecharanse nos locais para forzar oa Goberno central a que inclúa este sector na prórroga dos ERTE.

Noticias web

23/09/2020