CRTVG

Buscar

Goberno e axentes sociais acordan subir o salario mínimo a 950 euros

Publicado o 23/01/2020 09:30

O Goberno, os sindicatos e a patronal acordaron unha subida do salario mínimo interprofesional (SMI) para 2020 do 5,5 %, ata 950 euros brutos mensuais, anunciou a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Este incremento supón 50 euros máis respecto a os 900 euros fixados para 2019, tras unha alza histórica do 22,3 %.

O acordo pechouse na reunión que este mércores á tarde mantiveron a ministra, os secretarios xerais de CCOO e UXT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, e os presidentes de CEOE e Cepyme, Antonio  Garamendi e Gerardo Cuerva.

A ministra confirmou que a suba terá carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2020, aínda que "por prudencia" non confirmou se se aprobará no Consello de Ministros do próximo martes ou no seguinte.

A alza apróbase por real decreto, figura lexislativa que non require de convalidación parlamentaria, xa que é potestade do Executivo.

"Hoxe é un día moi feliz para a democracia e para o conxunto dos traballadores", afirmou a ministra, que lembrou que aínda que a alza impacta directamente sobre un colectivo de arredor de 2 millóns de traballadores as subidas do salario mínimo tenden a arrastrar este aumento ao conxunto das remuneracións.

Ademais, negou categoricamente que a subida do SMI teña un impacto negativo sobre a creación de emprego e asegurou que as dificultades das que se queixan os empresarios agrícolas, por exemplo, débense a "factores estruturais graves" que non teñen que ver cos custos laborais senón coa estrutura de prezos do sector.

Díaz quixo ceder o protagonismo aos axentes sociais, de quen encomiou a súa flexibilidade para unha negociación en que "todos cederon".

"A nós gustaríanos que fose algo menos (de 950 euros) porque o impacto da subida de 2019 foi moi importante, (...) pero preocupábanos máis chegar a 1.000 euros, porque non era a cantidade adecuada", dixo o presidente de CEOE, Antonio Garamendi.

Recoñeceu que o mellor é negociar e mostrou a súa vontade de manterse na mesa de diálogo social para todas as medidas que o Goberno quere levar a cabo.

"950 euros non é bo, pero menos malo que subir a 1.000 euros", asegurou o presidente de  Cepyme, Gerardo Cuerva, que lle pediu ao Ministerio de Traballo que teña en conta as empresas á hora de facer política.

Un SMI de 1.000 euros era ao que aspiraban os sindicatos, aínda que se felicitaron por conseguir un pacto no marco do diálogo social que abre a porta a futuros acordos.

"Este acordo posibilita que o acordo para a negociación colectiva (AENC) asinado coa CEOE poida desenvolverse (...). Non hai escusas para que o 1 de xaneiro de 2021 todos os salarios en convenio sexan como mínimo de 1.000 euros", afirmou o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez.

Para o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, a subida do SMI é "unha boa noticia económica para España", xa que "non está demostrado que subir o SMI afecte o emprego, senón todo o contrario", porque activa o consumo e a economía. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí