CRTVG

Buscar

O Rosal, Tomiño e A Guarda suman 54 casos activos de covid-19

Publicado o 14/09/2020 18:15
O Rosal, Tomiño e A Guarda suman 54 casos activos de covid-19

Os concellos pontevedreses do Rosal, A Guarda e Tomiño suman 54 casos activos de coronavirus, segundo trasladaron fontes sanitarias aos rexedores destes municipios, nunha reunión telemática celebrada para informar da evolución epidemiolóxica na zona. No caso do Rosal, Sanidade confirmou que hai 18 casos activos de coronavirus, vinculados a tres gromos familiares e un do ámbito laboral, segundo trasladaron fontes municipais. Non se notificaron casos novos a pasada fin de semana.

A rexedora do Rosal, Ánxela Fernández, sinalou que esta é a primeira reunión das que se manterán a partir de agora con estes municipios do Baixo Miño (dous por semana) para coñecer de primeira man a situación epidemiolóxica nestes territorios. Así, a rexedora valorou que é "unha boa medida" que os concellos agradecen "despois de moitos días reclamando á Xunta datos contrastados do número de persoas afectadas". A alcaldesa tamén sinalou que os veciños do Rosal, municipio no que se decretaron restricións (xunto coa Guarda) desde a pasada fin de semana para controlar a evolución da pandemia, están "comprometidos" e cumprirán "de modo exemplar" coas medidas decretadas, "como en anteriores ocasións".

Con respecto ao municipio da Guarda, o alcalde, Antonio Lomba, confirmou que o número de casos activos notificados por Sanidade é de 29. Este concello tamén está afectado por novas restricións desde a pasada fin de semana e, de feito, xa finais de agosto decidiuse o peche dunha residencia de maiores e dous centros de día. Na resolución sobre as restricións publicada no DOG o pasado venres, precísase que O Rosal e A Guarda son os municipios da zona máis afectados, "tanto en casos como en taxas, moi por riba do resto de concellos desa comarca". A maioría de casos son de persoas entre 10 e 19 anos.

No caso de Tomiño, fontes municipais informaron de que, segundo as autoridades sanitarias, hai 7 casos activos, e tampouco se notificaron contaxios a pasada fin de semana. Neste municipio non se impuxeron restricións extraordinarias, pero o seu estreito contacto coa Guarda e O Rosal fixeron que Sanidade o inclúa na previsión de reunións informativas semanais.