CRTVG

Buscar

O alcalde de Dozón deixa o cargo despois de 33 anos e será substituído polo seu fillo e ata agora tenente de alcalde

Publicado o 26/06/2020 19:19
O alcalde de Dozón deixa o cargo despois de 33 anos e será substituído polo seu fillo e ata agora tenente de alcalde

O alcalde de Dozón (Pontevedra), Adolfo Campos Panadeiros, confirmou que, "por consello médico", deixará o cargo en que leva 33 anos, despois de lograr nas urnas nove maiorías absolutas consecutivas. Segundo explicou, a previsión é que o substitúa o seu fillo e ata agora tenente de alcalde, Adolfo Campos Vázquez.

Á espera de que a súa renuncia se formalice nun pleno e de poder ceder o mando, o rexedor trasladou que dá este paso por que así llo recomendaron os seus médicos. É o mesmo que transmitiu aos seus veciños a través dunha carta onde afirma que dá este paso coa conciencia do "deber cumprido" e satisfeito polo balance da súa xestión.

Campos séntese "protagonista dun período en que se viviu a maior transformación na historia destas terras". O rexedor explicou que agora dedicará o seu tempo á súa familia e a tarefas particulares.

En 2015, o veterano alcalde estivo no foco da polémica ao ser detido, no marco da operación Qatedra, que investigaba supostas irregularidades en cursos de formación, xunto a outro tres edís, entre eles o seu fillo e tenente de alcalde. Entón pediu a baixa temporal do PP, aínda que finalmente ambos foron exonerados desta presunta fraude en 2019.