CRTVG

Buscar

O reto da prevención dos incendios forestais de sexta xeración

Publicado o 23/09/2020 15:07

Hai uns anos eran fenómenos que só observabamos en territorios como Australia ou California. Pero hoxe, os grandes incendios forestais xa son unha ameaza real en Europa. Unha investigación universitaria sitúa Os Balcáns e a Península Ibérica como as zonas de maior risco para os denominados incendios de sexta xeración. 

A conclusión principal é que a escalada na intensidade e na gravidade dos incendios forestais, ata chegar a eses de 6ª xeración, ten que ver co abandono do rural. Como consecuencia, coa acumulación de matogueira, que provoca que sexan incendios cada vez máis extensos e máis intensos. Por último, o factor definitivo é o quecemento global, derivado do cambio climático.

Pablo Hermo, este técnico de distrito forestal, viviu en carne propia o cambio de paradigma nos incendios en Galicia. Foi co cambio de século cando chegaron os incendios de 4ª xeración, os denominados incendios interfaz urbano-forestal, que provocan unha situación de multiemerxencia.

"A partir do 2000 non é que o lume chegue preto das casas, é que teñen a capacidade de cruzar poboacións. E iso obriga a tomar decisións moi drásticas, como se teño que defender unha casa ou outra", explica.

A escalada na virulencia segue imparable. Cos primeiros casos de incendios de 5ª xeración en 2006, que volven repetirse.

"En Outubro de 2017 falamos de 5ª xeración de incendios en Galicia. A sexta xeración aínda non chegou, pero chegou a Portugal, e Portugal non está tan lonxe", advirte Pablo.

Aínda permanecen nas retinas as imaxes do incendio de Pedrogão Grande. 60 mortos, máis de trece mil hectáreas fulminadas polo lume en menos dunha hora. Dimensións titánicas dunhas lapas que son quen ata de provocar correntes de vento que retroalimentan o lume. Incendios de 6ª xeración, directamente relacionados co cambio climático.

"Dende o punto da vista da extinción son incendios inabordables. A extinción é unha resposta a unha emerxencia pero non é unha solución. A solución pasa por xestionar, por adaptarnos ao clima que vai vir".

A solución, conta Pablo, pasa por crear bosques resilientes, especies nobres, árbores vellas, que dan sombra, arden lento e con pouca intensidade. Un cambio de modelo que pasa tamén por devolver a saúde a un medio rural enfermo.

Noticias web

23/09/2020