CRTVG

Buscar

O Resurrection Fest agarda recibir 100.000 persoas e ter un impacto de 10 millóns de euros

Publicado o 25/06/2019 14:43

Outro tipo de turismo, neste caso o musical, vai xerar na provincia de Lugo un impacto económico de 10 millóns de euros. O Resurrection Fest, un festival referente no rock extremo mundial, agarda recibir 100.000 persoas procedentes de máis de 40 países. Os hoteis da Mariña están xa ao cen por cento para a gran cita musical do verán.

Coa presentación oficial comeza a conta atrás para o Resurrection Fest, que volverá a Viveiro un ano máis, e van 14, entre os días 3 e 6 de xullo. Os organizadores din que xa unha semana antes comezarán a chegar os 100.000 asistentes de 44 países que se agardan para o 'Resu' máis multitudinario, cun impacto económico tamén de récord tanto na Mariña coma noutras comarcas de Lugo e A Coruña.

Iván Méndez, organizador do Resurrection Fest: "Prevemos que vai superar os 10 millóns de euros, xa que vai ser a edición máis multitudinaria. A ocupación hoteleira de toda a Mariña está ao cen por cento desde hai meses. Temos previsto que xere máis de 600 empregos directos, que é o récord do festival, e tamén sobre 2.000 indirectos".

Máis de 100 artistas pasarán por algún dos catro escenarios que conforman un recinto aínda máis grande do habitual, e que tamén incrementa as zonas de acampada para atender un público cada vez máis fiel e numeroso que, en moitos casos, planifica o 'Resu' como unhas vacacións que duran de media entre cinco e seis días. No cartel deste ano, protagonismo para Slayer, Slipknot ou King Diamond.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019