CRTVG

Buscar

Os restos de Franco van ser exhumados antes do 25 de outubro do Val dos Caídos

Publicado o 11/10/2019 19:56

Foi Pedro Sánchez quen levou este asunto en man ao Consello de Ministros. Co aval do Supremo, que levantou os últimos obstáculos legais para a exhumación, o Executivo aprobou hoxe que a exhumación será antes do 25 de outubro. Comunicarallo á familia 48 horas antes, coa intención de que sexa un procedemento discreto e respectuoso. A vicepresidenta en funcións aseguraba que para o Executivo é unha satisfacción enorme pechar unha indignidade, e facelo cos apoios dos tres poderes do Estado.

No anterior procedemento o Goberno fixara unha data exacta para a exhumación, pero desta volta dá unha franxa de días, co tope do 25 de outubro. O dispositivo que prepara o Executivo está destinado a garantir a seguridade e a discreción. No interior da basílica estará a familia, se así o desexa, e a ministra de Xustiza como notaria maior do reino, mentres que os medios de comunicación agardarán no exterior.

Para evitar calquera filtración de imaxes, a cripta estará protexida por biombos. Dentro traballará un grupo de operarios, encargados de levantar cun guindastre a lápida de 1.500 quilos. Toda a operación estará supervisada polo forense Francisco Etxeberrría, un dos especialistas con máis renome nacional e internacional, que participou na busca dos restos de Cervantes, na autopsia de Lasa e Zabala, e determinou as causas da morte de Pablo Neruda e Salvador Allende. Etxeberría supervisará o estado do féretro do ditador, que leva 44 anos enterrado nunha zona pola que pasa unha corrente de auga.

Para o traslado ao Pardo, o Executivo non descarta a vía aérea, para evitar hipotéticas sabotaxes de grupos ultra. Interior podería despregar antidisturbios, e inhibidores de drons que controlen a zona. O destino final de Franco será o cemiterio de Mingorrubio, onde descansan os restos da súa esposa, e tamén os de Arias Navarro, Carrero Blanco e o ditador dominicano Leónidas Trujillo.

Os partidos da oposición coinciden en criticar o PSOE. Din que fan un uso electoral da exhumación dos restos de Franco.