CRTVG

Buscar

O Reino Unido será o primeiro país do mundo en comezar a vacinación

Publicado o 02/12/2020 13:40
O Reino Unido será o primeiro país do mundo en comezar a vacinación

Os reguladores británicos aprobaron a vacina contra a covid−19 desenvolvida pola empresa estadounidense Pfizer e o seu socio alemán BioNTech para o seu uso no Reino Unido.

Co visto e prace da Axencia Reguladora de Produtos Sanitarios e Médicos (MHRA, en inglés), o Reino Unido convértese no primeiro país do mundo en iniciar a vacinación da poboación contra o coronavirus a próxima semana, segundo informou este mércores o ministerio británico de Sanidade.

Nos ensaios clínicos, dos que se informou nas últimas semanas, a vacina demostrou ser un 95 % efectiva e con bos resultados para todas as persoas, tanto novas como anciás.

"O Goberno aceptou hoxe a recomendación da Axencia Reguladora de Produtos Sanitarios e Médicos (MHRA) de aprobar para o seu uso a vacina contra a covid−19 Pfizer/BioNTech. Isto segue a meses de rigorosos ensaios clínicos e unha exhaustiva análise sobre os datos por parte dos expertos da MHRA", sinalou un comunicado divulgado polo Ministerio de Sanidade.

O ministro británico de Sanidade, Matt Hancock, dixo este mércores na súa conta de Twitter que "a axuda está de camiño" e agregou que a sanidade británica (NHS, en inglés) está preparada para "empezar a vacinar a principios da próxima semana".

"O Reino Unido é o primeiro país do mundo que conta cunha vacina aprobada clinicamente para a súa subministración", agregou.