CRTVG

Buscar

O Reino Unido rexistra 288 mortes pola COVID-19, a menor cifra desde marzo

Publicado o 04/05/2020 20:24
O Reino Unido rexistra 288 mortes pola COVID-19, a menor cifra desde marzo

 O Reino Unido comunicou este luns 288 novas mortes por COVID-19, a menor cifra diaria desde finais de marzo, ata un total de 28.734 falecidos desde que comezou a pandemia. A pesar dese descenso, o ministro de Saúde, Matt Hancock, advertiu de que as vítimas mortais adoitan ser máis tras as fins de semana, polo que espera que o número volva repuntar nos próximos días. En 24 horas leváronse a cabo 85.186 tests de COVID-19, aínda que Hancock asegura que o país ten a capacidade para realizar 108.000 diarios, e detectáronse 3.985 novos contaxios na última xornada.

O ministro recalcou que as medidas de distancia social deben manterse no Reino Unido por agora, ata que diversos indicadores sobre a expansión do virus continúen mellorando. O vindeiro xoves, o Goberno debe avaliar unha extensión das medidas que ordenou o pasado 23 de marzo e espérase que o primeiro ministro, Boris Johnson, desvele o domingo a súa previsión para comezar a desescalar o confinamento, segundo avanzaron diversos medios.

Italia rexistra 195 mortos máis e segue reducindo os contaxios 

Italia rexistra 29.029 falecementos con coronavirus, con 195 as últimas 24 horas, unha cifra algo superior aos 174 do domingo, que foi a máis baixa desde o inicio do confinamento o 10 de marzo. A curva de contaxios segue descendendo e desde onte rexistráronse 1.221 novos casos ata un total de 211.958 desde que se detectou o virus o 21 de febreiro, segundo os datos ofrecidos por Protección Civil. Os positivos actuais son 99.980, cunha redución de 199 desde o domingo.

O Senado rexeita o plan de desescalada de Macron, pero non o paraliza                

O plan de desescalada co que Francia planifica a volta progresiva á normalidade a partir do 11 de maio chocou este luns coa oposición dos senadores, que non outorgaron a súa confianza ao Executivo. O partido gobernamental, A República en Marcha ( LREM), só ten 23 escanos na Cámara Alta, e esa debilidade quedou en evidencia no resultado final que foi de 81 votos a favor, 89 en contra e 174 abstencións. O Goberno non arriscaba a súa continuidade nesta votación e a axenda da desescalada tampouco se vai ver afectada, polo que o rexeitamento non ten máis impacto político que o de mostrar o desgaste das autoridades desde o inicio desta crise sanitaria que levou ao confinamento da poboación o pasado 17 de marzo.

Francia supera as 25.000 vítimas mortais

O Goberno de Francia confirmou este luns que o balance de falecidos por mor da pandemia de coronavirus superou o limiar dos 25.000, tras a morte de 306 persoas debido á Covid-19 durante as últimas 24 horas, co que o total de falecidos ascende a 25.201. Así mesmo, indicou que 25.548 persoas atópanse hospitalizadas por mor da enfermidade, 267 menos que o día anterior, aínda que houbo 699 novos ingresos durante este período de tempo. En total, 93.372 persoas foron ingresadas desde o inicio da pandemia, 51.371 das cales xa recibiron a alta.

Nova York perfila a reapertura gradual o 15 maio cun descenso da curva

O estado de Nova York, o gran epicentro da pandemia da Covid-19 nos Estados Unidos, rexistrou este luns descensos nas hospitalizacións e falecementos por esta enfermidade nas últimas 24 horas, polo que segue "baixando a curva" e perfilando a súa reapertura por fases e rexións que comezará o 15 de maio.

O gobernador Andrew Cuomo informou hoxe de que 226 persoas faleceron pola COVID-19 desde este domingo, a cifra máis baixa desde finais de marzo, e houbo unhas 700 novas hospitalizacións tras varios días de estabilización ao redor dunhas 900 diarias, aínda que recomendou tomar eses datos "con pinzas" por ser da fin de semana.

 

Noticias web

04/05/2020