CRTVG

Buscar

O rei pronuncia esta noite un discurso televisado por causa da crise do coronavirus

Publicado o 18/03/2020 07:08
O rei pronuncia esta noite un discurso televisado por causa da crise do coronavirus

Filipe VI pronunciará esta noite unha mensaxe televisada dirixida aos españois ás 21:00 horas en relación coa crise do coronavirus que afecta ao país, por cuxa causa o Goberno decretou o pasado domingo o estado de alarma, segundo informaron fontes da Casa Real. O discurso do rei terá lugar despois de que se reúna no Palacio da Zarzuela (ás 17:00 horas) co presidente do Goberno Pedro Sánchez e os catro ministros que integran o comité técnico de xestión da pandemia.

Será a segunda ocasión, desde a súa proclamación en xuño de 2014, en que Filipe VI pronuncia un discurso extraordinario dirixido á nación. Antes, o 3 de outubro de 2017, pronunciara un en contra do desafío independentista en Cataluña. A Casa Real deu a coñecer onte martes a reunión con Sánchez e os ministros de Sanidade Salvador Illa, de Defensa Margarita Robles, de Interior Fernando Grande-Marlaska e de Transportes José Luis Ábalos para coñecer as principais medidas adoptadas a fin de conter a expansión do virus.