CRTVG

Buscar

O rei defende a democracia e os dereitos humanos ante Díaz-Canel, que di que os cubanos decidiron o camiño

Publicado o 14/11/2019 06:39
O rei defende a democracia e os dereitos humanos ante Díaz-Canel, que di que os cubanos decidiron o camiño

Filipe VI defendeu a democracia e os dereitos humanos ante o presidente de Cuba, destacando que é o pobo o que debe decidir o seu futuro porque os cambios nun país non poden ser impostos. Foi na cea que os Reis lles ofreceron ás autoridades do país.

O monarca dixo no seu discurso que "ten que haber institucións que representen a tódolos cidadáns e que estes poidan atopar nelas a capacidade de expresar libremente as súas ideas, a liberdade de asociación ou a de reunión". E destacando o que supuxo para España a Constitución do 78, ofreceu a experiencia española para acompañar o proceso de cambio no que está inmersa a illa.

Malia a que non estaba previsto, Miguel Díaz-Canel tomou a palabra para reivindicar o réxime, afirmando que os guían "principios claros de independencia e soberanía coa certeza de que é un camiño dirixido a lograr un maior benestar para o pobo; un camiño -dixo- que elixiron os cubanos por vontade propia. O mandatario aproveitou para agradecer o apoio de España ante as "inxustas sancións dos Estados Unidos que tanto dano causan á economía e ao comercio".

A histórica visita de Estado remata hoxe en Santiago cunha dobre homenaxe aos españois mortos na guerra hispanoestadounidense en 1898.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí