CRTVG

Buscar

O Rei abre as consultas cos partidos o próximo martes para intentar unha investidura

Publicado o 05/12/2019 19:50

A maquinaria para a investidura ponse en marcha, sen garantías aínda de que Pedro Sánchez poida ser presidente. O Rei abre as consultas cos partidos o próximo martes, e previsiblemente o mércores designará a Sánchez candidato á investidura.

Pero a data do pleno queda a expensas de como vaian as negociacións con Esquerra Republicana, que se retomarán o martes, despois de que ambos partidos aclararan as diferenzas que tiveron nas últimas horas.

José Luis Ábalos, PSOE: "Son todo interpretacións. Pero todos coñecen a vontade e a disposición que temos de chegar a un acordo"

O PSOE reitera a vontade de diálogo. Desde Esquerra advirten que non haberá acordo se non se pode falar de todo, incluído dun referendo. E deixan a pelota no tellado de Pedro Sánchez.

Roger Torrent, ERC: "É a súa responsabilidade ver como quere encarar a negociación que eventualmente leve a unha investidura. Evidentemente non pode haber limitacións nin censuras previas. Ninguén pode impoñer á outra parte que non se fale de determinados temas"

O PSOE segue mantendo que quere formar goberno antes do Nadal. Pero Sánchez xa advertiu que non se presentará a unha investidura fallida, é dicir mentras non teña garantida a abstencios dos 13 deputados de Esquerra.
 

Noticias web

05/12/2019