CRTVG

Buscar

O refuxio de Pontevedra non dará cachorros en adopción no Nadal

Publicado o 10/12/2019 14:05

Os cachorros rescatados ou nados no refuxio de cans de Pontevedra están listos para que os adopte quen teña ben claro que quere coidar un animal todos os días. Iso si, a partir da semana que vén e ata que pase o día de Reis non será posible levalos en adopción. Trátase de evitar que se utilicen como agasallo e que, pasadas as datas tan entrañables, o destinatario se aburra del e o devolva.

Ana Cadavid Veterinaria, responsable do refuxio de cans de Pontevedra explica: "Estamos dicindo todo o ano que os animais non son un agasallo. Daquela, non é boa idea nin para os rapaces que se lles regale un can no Nadal e que o entendan como unha cousa que se lles regala e cando queiran poden tirala. A maneira de concienciar de que un animal non é un regalo empeza por non regalar un can no Nadal".

Como ser vivo que é, o can precisa que nos responsabilicemos del. Iso supón ser consciente de que temos os medios e a disposición necesarias para coidalo como é debido toda a vida do animal.

Engade Cadavid que "o animal fai cousas como facer pis, rompe e fai outras cousas que hai quen considera molestas e ese tipo de xente, chegado un momento, abandona o can ou os queren devolver ao refuxio. Para evitar iso, non damos en adopción cachorros durante a época do Nadal".

Tamén cómpre ter presente que estes animais foron rescatados tras viviren moitos medos. A veterinaria responsable do refuxio de cans de Pontevedra incide en que "o que non pode ser é que un animal o adopten, coñeza o que é a calor dun fogar e o cariño dunha familia e dentro duns meses volva acabar aquí. Iso non pode ser e hai que evitalo custe o que custe".

Como reiteran aquí, para facer un regalo elixa unha cousa, non un ser vivo como é un can. Unha vez que pase o Nadal, o refuxio de Pontevedra retomará a adopción de cachorros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019