CRTVG

Buscar

O Real Madrid, só unha vitoria sen Ramos nos últimos 6 partidos

Publicado o 03/08/2020 22:19

O Barça ten a Lenglet entre algodóns

Quedan 4 días para que regrese a Liga de Campións. O venres xógase a volta do City-Real Madrid e da Juventus-Lión; e o sábado, a volta do Bayern-Chelsea e do Barcelona-Nápoles.

No Barcelona están moi pendentes do estado de Clément Lenglet. Téñeno entre algodóns para que poida chegar en plenas condicións para ese partido do sábado. O francés segue renqueante, cunhas molestias na ingle. A ausencia de Umtiti por lesión fai máis urxente a presenza de Lenglet, pero todo apunta a que non vai ter problemas e chegará a tempo para acompañar a Piqué no centro da defensa.

O Real Madrid, só unha vitoria de 6 sen Ramos

Esta mañá tamén regresou aos adestramentos o Real Madrid, coas olladas postas no partido deste venres ante o City de Guardiola. Os de Zidane terán que remontar o 1 a 2 da ida, que os obriga a marcar, como mínimo, dous goles. E terano que facer sen un Sergio Ramos que foi expulsado no partido de ida. As estatísticas non son moi alentadoras para o Madrid sen Ramos. Nos últimos 6 partidos sen o capitán, os brancos tiveron 5 derrotas e só unha vitoria, que foi no intrascendente partido contra o Bruxas esta temporada. Militão perfílase como o seu substituto para frear a dinamita dos ingleses.

Noticias web

03/08/2020