CRTVG

Buscar

O Real Madrid, campión da Copa ao pasar por riba ao Unicaja

Publicado o 16/02/2020 21:42

O acerto nos lanzamentos desde a liña de tres puntos do Real Madrid na primeira metade deu unha vantaxe clara aos de Pablo Laso, que, grazas a unha defensa abafante, forzaron que os organizadores da Copa só convertesen unha tripla en dez intentos.
Os brancos chegaron a ter unha renda de 21 puntos, nunha soberbia actuación do arxentino Facu Campazzo, que liderou os seus e tirou proveito da mancadura que arrastraba o base rival, Jaime Frernández. Con todo e iso, Darío Brizuela colleu o temón do ataque andaluz ata recortar as diferenzas e poñer os de Luis Casimiro a 15 puntos de distancia no descanso.
O rolo branco seguiu estirando a diferenza mentres os problemas medraban no cadro malagueño. Fernández non volvía á cancha e as triplas orballaban na defensa andaduza, cun Campazo imperial que deu 13 asistencias e anotou trece puntos; 30 de avaliación, o xogador máis valorado na Supercopa, na Liga e agora na Copa.
Carroll, no ano da súa posible retirada, asinou 20 puntos nunha final en que demostrou que poucos poden manter o seu pulso á súa idade no alto nivel.
Brizuela, Suaréz, Adams e compañía tentaban minimizar danos, pero os de Laso, que levan cinco títulos copeiros en sete finais disputadas de xeito consecutivo, non estaban para sorpresas.

Noticias web

16/02/2020