CRTVG

Buscar

O Racing derrota o Celta B (2-0) e métese de pleno na loita polos postos altos

Publicado o 24/02/2021 19:10

• Segunda derrota consecutiva do filial celeste

O Racing de Ferrol gañou por 2-0 a un Celta B inferior que só disparou unha vez a porta. Os locais sentenciaron o encontro con dous goles no primeiro tempo de David Rodríguez. O Racing empata a 23 puntos co Compostela e sitúase quinto a un só punto dun Celta B que suma a segunda derrota consecutiva.

Cristóbal Parralo logra sete dos nove puntos que disputou.

O exame da Malata resolveuse con nota para o Rácing de Cristóbal e con decepción para o filial celeste. O partido inclinouse dende o primeiro para o cadro local que atopou en Peñaloza unha dinamo permanente pola esquerda.

El estivo na orixe do primeiro gol, que convertiu aos 9 minutos David Rodríguez. O Rácing era mellor ante un Celta B ao que quizais lle pasou facturan os 4 partidos xogados en 10 días. Volveu cambiar o seu equipo Onésimo pero non funcionou nada. Porque o Rácing chegaba e golpeaba. Á media hora un balón colgado atopaba a cabeza de David Rodríguez. O exdianteiro do Celta marcara un gol esta temporada. Ante o filial celeste fixo dous.

Un Celta B que ofreceu moi pouco en ataque. Iso si nunha das súas escasas chegadas á área ferrolá pediu penalti. Caeu Manu Justo cando se dispoñía a rematar no punto de penalti. O colexiado non viu nada. A segunda metade espesou e igualouse. Ao Rácing non lle ía mal aguantar o resultado e ata dispuxo dunha ocasión clarísima para facer o terceiro.

Nunha xogada de estratexia Elsinho rematou coa testa e Nathan non foi quen de concretar con toda a portería á súa disposición. O Celta que encadea dúas derrotas consecutivas pero segue na terceira posición disparou unha vez no partido. Foi este tímido disparo de Alfon. Era o minuto 82. O Rácing colócase na cuarta posición, 1 punto por detrás dos vigueses con sensacións moi melloradas.
 

 

 

 

Noticias web

24/02/2021