CRTVG

Buscar

O Rácing de Ferrol gaña en Oviedo e sae dos postos de descenso

Publicado o 13/10/2019 14:39

O adestrador do Rácing, Emilio Larraz, anunciara moitos trocos de futbolistas e de sistema. E non enganou a ninguén. Varios pesos pesados quedaron no banco. O seu equipo foi máis de brega, de non descoidar as costas. Ese obxectivo logrou cubrilo coa disputa dun encontro sen apenas ocasións en ningunha das dúas porterías.

O Oviedo B non atopaba ocos. É certo que o Rácing tampouco. E nunha pelexa continua por balóns divididos trascorreu a meirande parte dun choque no que se notou a presión que sufrían os dous equipos. O asturiano, que levaba dúas derrotas consecutivas, e o ferrolán, en postos de descenso e cun só triunfo logrado nesta liga. Pero na recta final entraron Marcos Álvarez e Pablo Rey, e entre os dous fabricaron a xogada do único gol do encontro. Minuto 81. Erro na saída de balón dos locais, Marcos que aproveita para darlle un bó pase a Pablo, que non perdonou cunha boa definición. O gol foi definitivo.

O Rácing non pasou apuros nos últimos minutos e o árbitro indicou o final coincidindo coa derradeira intervención do gardameta Diego Rivas. Ledicia para un equipo moi necesitado, que agora suma oito puntos e sae dos postos de descenso.

 

Noticias web

13/10/2019