CRTVG

Buscar

'O que arde', de Oliver Laxe, premio do xurado en Cannes

Publicado o 25/05/2019 15:18

O que arde, o primeiro filme na nosa lingua proxectado no Festival de Cannes, logrou o premio do xurado na sección Unha certa mirada. O seu director, Oliver Laxe, conseguiu levar un pedazo dos Ancares ao festival francés e amosarlle ao mundo a relación dos galegos co noso rural.

Paseaban esta semana Benedicta e mais Amador polas rúas de Cannes, coma quen o fixo toda a vida polos camiños dos Ancares, eses que tan ben coñecen na realidade e que redescubriron na ficción. Só era cuestión de mudar o calzado.

"A primeira vez había que ir por unha carballeira cunha bolsa, por unha ribanceira e logo baixar. E estábanme apartando todo o que encontraban. Coidado! E eu indignábame e dicíalles: Apartade! Que eu crieime no campo, corrín detrás de ovellas e de cabras. Para min iso non é problema ningún", conta Benedicta Sánchez, protagonista en O que arde.

Coa autenticidade que lles é propia poñíanse diante das cámaras e manifestaban sen reparo que a súa traxectoria pouco tiña que ver co cinema ata que apareceu Oliver Laxe.

"Na casa había un televisor e cando eu tiven que facerme cargo da casa o primeiro que fixen foi poñerlle un saco deses negros no cuarto do fondo e coa pantalla contra a parede. Non son nada de televisor", Benedicta Sánchez, protagonista en O que arde.

"Realmente é como romper, como se rompera todo e recolleramos os pedazos para facer a película. É como a Galicia rota, está rota totamente", di Amador Arias, protagonista en O que arde.

"Non son os típicos freaks ou outsiders do rural que non se falan. Creo que o amor e a dozura que hai do un polo outro é palpable", conta Oliver Laxe, director de O que arde.

Algo que el soubo ver e que tamén o xurado apreciou: a esencia humana e a relación que manteñen co seu medio de vida, ás veces tan contraditoria.

"O fácil sería facer unha película que busca culpables como busca a opinión pública, quere xustiza. Participo nese sentimento pero como artista, como cineasta, teño que dar tres pasos cara atrás e estilizar esa rabia e ir máis aló, non?", insiste Oliver Laxe, director de O que arde.

Por iso, neste premio a O que arde está a historia da montaña ancaresa, o lume que a arrasa, a xente que vive nela, a lingua que lle é propia e que agora fala para calquera lugar do mundo a través do cinema. Aquí poderase ver a finais de ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019