CRTVG

Buscar

O PSOE reclama unha moción de censura contra Jácome

Publicado o 05/03/2021 10:04

En Ourense, o PSOE insiste en promover unha moción de censura contra o alcalde Gonzalo Pérez Jácome. Desta volta, cunha iniciativa rexistrada que hoxe se debate no pleno. 

Os socialistas pretenden que os grupos da oposición asinen hoxe, no pleno da corporación municipal, a moción de censura que levan promovendo dende hai case cinco meses.

O PP rompeu en setembro o pacto de goberno co alcalde Gonzalo Pérez Jácome despois de que unha parte do grupo do rexedor o denunciase no xulgado por presuntas irregularidades.

O portavoz municipal do PSOE empraza os populares para que dean o paso e posibiliten a remuda na alcaldía. Os populares insisten en que nunca apoiarán unha moción cuxo candidato a alcalde sexa Villarino.

A exdeputada provincial de Ciudadanos, agora no grupo de non adscritos, Montserrat Lama tamén se pronunciou. Asegura que hai tres semanas o PSOE estaba disposto a manter a Gonzalo Pérez Jácome na alcaldía de Ourense a cambio do seu apoio para desbancar o presidente da Deputación, o popular Manuel Baltar.

Di a deputada que os socialistas acusan o alcade de comerciar con postos de traballo cando eles están a facer o mesmo. Pouco avance parece que  poida haber esta mañá. A corporación municipal de Ourense ten vinte e sete concelleiros. A moción de censura precisa de catorce votos. Os socialistas contarían con trece.

O alcalde amósase confiado en que non prosperará ningunha moción de censura e que seguirá gobernando con tres concelleiros e apoios puntuais do PP. Os socialistas, pola súa parte, non aceptan retirar o seu candidato á alcaldía porque foron a lista máis votada.

Noticias web

05/03/2021